Confirman as medidas cautelares contra SeriesPepito e PelículasPepito

xoves, 4 de decembro do 2014 Marcus Fernández

A operación policial contra as páxinas web SeriesPepito e PelículasPepito continúa a estar de actualidade, pois a Policía Nacional confirmou que arrestara en Madrid e Alicante aos dous administradores de cadansúa páxina web, asegurando en nota de prensa que terían xerado uns beneficios estimados de 1.085.000 euros. Tamén confirman que o peche das páxinas web denunciadas foi por mandamento xudicial que partiu dunha denuncia presentada polas principais produtoras cinematográfica por un delito contra a propiedade intelectual por realizar ambas páxinas “un acto de comunicación pública” de contido audiovisual protexido, aínda que tal afirmación choque coa interpretación deste concepto que fan as autoridades comunitarias, que non consideran que as ligazóns sexan “comunicación pública”.
A Policía asegura que as páxinas web pechadas obtiñan beneficios mediante publicidade e contas de usuario premium, aínda que polo momento só se puideron acreditar ingresos por publicidade nos últimos 3 anos por valor de 133.650 euros.
O avogado Carlos Sánchez Almeida asegura que a defensa destes casos seguirá a liña de procedementos anteriores, nos que se defende que a actividade denunciada non supón un acto de “comunicación pública”, asegurando que esta operación policial non resulta sorprendente pois “cada mes de decembro sempre hai unha operación espectacular” para causar impacto mediático, que poucas veces se traduce en condenas. Tamén lembran que o peche das páxinas denunciadas só é unha medida cautelar.