Deteñen aos administradores de SeriesPepito e PelículasPepito

mércores, 3 de decembro do 2014 Marcus Fernández

SeriesPepito é unha das páxinas web denunciadas ante a Sección Segunda da Comisión de Propiedade IntelectualNos últimos meses o panorama legal e xudicial ao redor das páxinas web españolas que promoven o intercambio de ficheiros a través da Rede estivo moi revolto, o que levou a SeriesYonkis a retirar as ligazóns a contidos protexidos o pasado mes de marzo, e agora sábese que un dos seus clons, SeriesPepito, contra o que levan emprendendo medidas a través da coñecida como Comisión Sinde-Wert dende 2012, podería ter os seus días contados, pois dende El Confidencial dan conta de que a Policía detivo aos administradores de SeriesPepito e PelículasPepito, acusados de vulnerar a Lei de Propiedade Intelectual.
Dende a pasada noite ambas páxinas web están bloqueadas, e ata o momento os seus responsables manifestaban a súa tranquilidade ante as medidas xudiciais que puidesen emprender contra eles por considerar que non estaban a facer nada ilegal dende os seus espazos web por non albergar contidos protexidos, senón que se limitan a publicar ligazóns aos mesmos, pero nesta ocasión parece que podería ser a mencionada Sección Segunda da Comisión da Propiedade Intelectual a que provocase as actuacións policiais.