InnovaTech FP premia proxectos galegos centrados en IA e dixitalización

venres, 12 de xuño do 2026 Redacción

O programa InnovaTech FP consolidouse como un dos principais escaparates da innovación tecnolóxica desenvolvida nos centros de Formación Profesional galegos. Así o destacou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a entrega dos premios da terceira edición do certame, celebrada esta mañá en Culleredo, onde salientou que a iniciativa xa deu lugar á primeira patente da FP galega e mesmo á creación dunha empresa.
A edición deste ano bateu récords de participación, con 254 equipos inscritos e máis de 1.250 persoas implicadas entre alumnado e profesorado. Os participantes traballaron na resolución de 20 retos formulados por empresas de distintos sectores produtivos, dos que resultaron premiados 14 centros educativos galegos.
Entre os proxectos galardoados con maior compoñente TIC figura o desenvolvido polo IES de Teis para L’Oréal, unha plataforma de xestión para salóns de peiteado baseada en intelixencia artificial capaz de automatizar reservas, xestionar axendas mediante voz e xerar contidos para redes sociais.
Tamén foi recoñecida a plataforma Retail-Flow, creada polo IES García Barbón e o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel para elPulpo, que emprega códigos QR e triangulación Wi-Fi para medir a rendibilidade do mobiliario comercial e optimizar a disposición dos produtos nas tendas.
O CIFP Universidade Laboral obtivo outro dos premios grazas a unha plataforma web con intelixencia artificial destinada a impulsar o turismo deportivo mediante a creación automática de paquetes que combinan eventos, aloxamento e actividades complementarias.
A dixitalización de procesos industriais tamén estivo presente entre os traballos premiados. O CIFP Montecelo desenvolveu para Repsol un sistema de trazabilidade baseado na Internet das Cousas e RFID para localizar equipos e ferramentas en tempo real, mentres que o CIFP Ferrolterra foi distinguido por unha plataforma de software que garante a trazabilidade integral nunha fábrica de mobiliario de alta gama mediante códigos QR.
A visión artificial foi outra das tecnoloxías con maior protagonismo. O IES Politécnico de Vigo resultou premiado por un sistema capaz de detectar automaticamente a acumulación de residuos en membranas de ultrafiltración para activar procesos de limpeza, mentres que o IES Manuel Chamoso Lamas desenvolveu unha solución orientada á detección de defectos en chapas de aceiro mediante intelixencia artificial.
O CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel destacou especialmente nesta edición ao recibir varios galardóns, entre eles o correspondente a unha plataforma intelixente de vixilancia do tráfico marítimo que emprega intelixencia artificial e xeolocalización para detectar anomalías e protexer zonas sensibles do litoral galego. O mesmo centro foi premiado tamén por unha aplicación móbil baseada en visión artificial e IA xenerativa para crear receitas personalizadas a partir de algas.
Outras solucións distinguidas incorporan tecnoloxías como sensores intelixentes, comunicacións LoRaWAN, xeolocalización, RFID ou navegación autónoma para robots móbiles, como o sistema de medición de caudais desenvolvido polo CIFP Politécnico de Santiago ou o carro de ferramentas autónomo do CIFP Ferrolterra.
As 20 propostas premiadas pasarán agora a formar parte da área de emprendemento industrial do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, onde recibirán apoio para a súa incubación e aceleración co obxectivo de favorecer a creación de novas empresas innovadoras e de base tecnolóxica.