ByGalicia entrevista en exclusiva ao presidente de Blusens

xoves, 11 de xuño do 2009 Raquel Noya


A entrevista publicada por ByGalicia

ByGalicia, a plataforma dixital para a internacionalización das empresas galegas, que hai cousa de tres meses estreou unha sección de entrevistas de actualidade cos personaxes máis salientables do tecido empresarial galego, vén de publicar unha entrevista audiovisual en exclusiva do presidente e cofundador da multinacional galega Blusens, que entre outras cuestións, achega as claves do éxito a nivel global da firma de electrónica de consumo con sede na capital galega.
Xosé Ramón García González, que concedeu esta entrevista nun momento no que Blusens está a comercializar en practicamente todo o mundo, dá resposta ás preguntas máis interesantes sobre a súa firma, cen por cen galega, que só no territorio español conta xa con máis de 6.000 puntos de venda.
O máximo mandatario de Blusens revela, asemade, os principais pasos comerciais dados pola compañía ata chegar a ser o que é hoxe, logo de iniciar a súa “aventura empresarial” alá polo ano 2003, cun capital social de só 3.000 euros.
Na actualidade, a firma galega conta con seis filiais en catro continentes e compite coas grandes marcas do sector a nivel mundial.
As estratexias de expansión implantadas nos mercados foráneos, a gran competencia comercial dentro do sector da electrónica de consumo, e a importancia capital da I+D+i no desenvolvemento dunha tecnoloxía punteira feita en Galicia e por profesionais galegos, son outros dos asuntos que aborda a entrevista que vén de publicar ByGalicia e á que teñen acceso tódolos internautas interesados.