Windows Phone supera o 10% de cota de mercado nos principais países europeos

luns, 2 de decembro do 2013 Marcus Fernández

O último informe de Kantar Worldpanel ComTech relativo ao trimestre que rematou o pasado outubro no mercado da telefonía móbil amosa interesante datos, como o feito de que o iPhone 5C e 5S contribuísen a mellorar a presenza comercial de Apple, ou que Windows Phone estea a mellorar significativamene a súa cota de mercado en Europa.
No caso de Apple, o feito de ter novos produtos era evidente que melloraría as súas vendas, pero nesta ocasión era interesante mirar con lupa a reacción do mercado, pois o iPhone 5C supón unha xogada sen precedentes, que podería apuntar a levar o smartphone de Apple a un público máis amplo, pero que non parece funcionar como se esperaba, se atendemos a feitos como a que en Reino Unido o iPhone 5S vendeu o triplo nos últimos meses. En contraste, preto da metade dos compradores dun iPhone 5C viñan de empregar un móbil de compañías como Samsung e LG (mentres que o 80% dos compradores dun iPhone 5S tiñan anteriormente outro iPhone).
Os terminais de baixa gama de Nokia tamén estarían a ter un grande impacto no mercado, disparando a presenza de Windows Phone, que nos cinco principais mercados europeos (Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e España) pasaría dun 4,8% das vendas de smartphones hai un ano a un 10,2% actual. Contrasta que en España os móbiles de Microsoft só conseguen unha cota do 4,3%, o que compensan Reino Unido (co 11,9%), Francia (12,5%) e Italia (16,1%).
Entre os datos rexistrados por Kantar podemos destacar que Windows Phone consegue consolidarse como o segundo sistema operativo móbil, adiantando a iOS; e en España empatan Apple e Microsoft (4,3%) e a cota de BlackBerry cae dun 3,4% a un 0,0% (a caída máis pronunciada da compañía canadense de todos os datos publicados no seu último informe).