Segundo un estudo as empresas non están preparadas para o reto dixital

martes, 28 de xuño do 2011 Raquel Noya

A consultora especializada en dixitalización de empresas, Digital Migration Partners, en colaboración co centro de investigación de mercados Random, vén de presentar os resultados dun estudo realizado para analizar o grao de preparación das empresas de cara á dixitalización, e os datos recadados non son tan optimistas como se agardaba nun primeiro momento.
A principal conclusión que se desprende do informe, un informe que por certo é o primeiro que analiza en profundidade este tema, é que “o 40% das empresas confesa que non ten unha estratexia dixital clara”, e que “consumo e distribución serán os sectores que máis sufrirán as consecuencias da falta de preparación nos vindeiros dous anos”.
Malia ao auxe imparable das transaccións dixitais e da explosión das redes sociais, o informe indica que “as empresas non están preparadas para o reto dixital”, e mostra disto é que tan só “o 39 % dos directivos non se sente preparado para o reto que supón Internet”.
A mesma porcentaxe de enquisados confesa que a súa empresa “carece dunha estratexia claramente definida e analizada” sobre a súa presenza e o uso de Internet para o desenvolvemento do seu negocio, e a maiores, o 50% dos directores xerais consultados confesa que “os profesionais do seu sector non manteñen unha actitude positiva cara o cambio que impón a dixitalización”.
Unha das respostas que máis chama á atención do informe é que os líderes das organizacións consultadas non teñen claro a quen acudir para este reto “xa que non contemplan consultoras clásicas e non atopan profesionais cualificados para abordar a migración dixital”, afirman.
A resposta a esta cuestión achégana os autores do estudo, da man do seu conselleiro delegado Alberto Díaz, que afirma que “é posible dixitalizarse se se entende ben como a tecnoloxía desintermedia a cadea de valor”. “As claves para elo”, engade, “están nunha visión ampla que combine coñecemento dixital e de xestión de empresas clásicas”.