Proxecto de Alfabetización de Google: unha ferramenta para ensinar a ler alí onde sexa preciso

xoves, 12 de abril do 2007 Raquel Noya

O analfabetismo é un problema que afecta actualmente a tódolos países e poboacións do mundo e sen excepción. Para loitar contra isto e avanzar na procura de solucións a este problema, Google, o Instituto de Formación Contínua da UNESCO e LitCam, veñen de anunciar o lanzamento da versión española do Proxecto de Alfabetización, unha ferramenta para mestres, organizacións que loitan para evitar o analfabetismo e para todos aqueles cidadáns os que lles interese a promoción da lectura e a educación.
As organizacións que respaldan este proxecto cren que “Internet pode ser unha ferramenta moi poderosa á hora de conectar a tódalas entidades que lideran este esforzo” e aseguran que “canto maior sexa o número de persoas con acceso a ferramentas de lectura, a ideas para proxectos e a outros recursos, máis se poderá avanzar á hora de combater este problema”. Neste sitio, os usuarios poderán atopar dende ferramentas que permiten estudar empregando Internet (e-learning) ata clubs de lectura, blogs ou grupos de alfabetización cos que poder compartir as súas propias ideas e proxectos.
Ademais (entre outras cousas) a web permite buscar información en libros, textos académicos, vídeos, mapas ou outros contidos directamente relacionados coa educación e a alfabetización. A fin de contas, todo é pouco para educar ós millleiros de nenos necesitados en calquera país do mundo xa que, como sinala a presidenta da Fundación Ciudad de la Esperanza e a Alegría, María Moreno, “sen educación non hai futuro”.