Preto dun 24 por cento do viño español véndese a través de Internet

mércores, 26 de setembro do 2007 Raquel Noya

Segundo indica o Informe de Conclusións do 1º Taller Nacional de Tecnoloxías aplicadas ó Sector do Viño levado a cabo por Fundetec, as empresas españolas non aproveitan ó cen por cen as posibilidades que lle ofrecen as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) pese a consideralas “innumerables” e moi “vantaxosas á hora de rendibilizar ó máximo todo o proceso de produción”.
Para a elaboración deste documento levouse a cabo un diagnóstico tecnolóxico do sector no que participaron 179 empresas do gremio, das que se amosou (de xeito abraiante) que o 23,9 por cento realiza ventas en liña, unha cifra que supera a media do total das empresas españolas (9 por cento) que realizan ventas pola Rede.
O informe tamén indica que o 94,5 por cento das empresas enquisadas dispoñen de acceso a Internet mentres que o 67 por cento dispón ademais dunha páxina web, unha cifra que se sitúa quince puntos por enriba da media nacional.
Asemade, o 48,8 por cento realiza trámites coas Administracións Públicas a través da Rede e o 26,2 por cento leva a cabo actividades loxísticas en liña.
Por outra banda, o teléfono móbil e Internet veñen de adquirir unha especial relevancia no campo da publicidade e a promoción, xa que permiten establecer unha relación continuada cos clientes finais e difundir campañas innovadoras cun alto retorno á investimento, mentres que a Rede é unha canle clave para presentar a imaxe da compañía e favorecer a comercialización dos seus produtos en novos mercados.