Port Desings leva os seus produtos á Antártida
xoves, 18 de febreiro do 2010
Port Designs, a firma fabricante de
solucións de transporte, protección e ergonomía para ordenadores portátiles, da
que sempre damos conta polos seus innovadores produtos, vén de dar que falar de
novo na nosa web, mais desta volta por unha iniciativa que a honra: patrocinar
a III Edición dos Premios Antárticos de Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente,
que galardoan proxectos e investigacións relacionados cos citados ámbitos de
estudo.
Cada ano, os premiados e un pequeno
equipo que inclúe xornalistas e persoal especializado, son obsequiados cunha
viaxe á Antártica dun mes de duración, unha experiencia única xa que o acceso a
esta impresionante reserva natural de extremas condicións climáticas é moi
restrinxido.
Nesta edición, os aventureiros disporán
dun macuto ecolóxico da liña Chicago Eco
de Port Designs, da que temos falado en Código, así como de diversas fundas de
neopreno e nylon para protexer os seus portátiles e dispositivos electrónicos
do frío e da humidade.
Os Premios Antárticos naceron en 2007 co
obxectivo fundamental de conservar o medio ambiente e evitar a “fuga de cerebros” que se está a vivir
no sector da investigación no noso país.
Tan só por isto, Port Designs merece unha
mención especial na nosa web, polo seu apoio á organización e polo seu labor de
conservación do medio ambiente creando a familia ecolóxica Chicago Eco,
fabricada a partir de botellas de plástico recicladas.
Nesta edición do concurso, os accesorios
da marca permitiranlle aos viaxeiros transportar os seus portátiles, cámaras e
outros dispositivos electrónicos con total seguridade e comodidade, o que lle
permitirá vivir esta experiencia nas mellores condicións posibles.
O fundador dos premios, Bruno Alonso,
asegura estar encantado cos produtos de Port Designs, “non só polo seu trasfondo ecolóxico, senón tamén pola súa resistencia
e calidade, características primordiais dadas as condicións extremas que imos
vivir durante a viaxe”.
