Os premios á innovación e á calidade do noso comercio veñen cunha contía de 12.500 euros
luns, 20 de agosto do 2018
Recoñecer
e visualizar as iniciativas do noso tecido comercial e empresarial
para acadar mellores negocios e, tamén, máis decididamente dixitais
e innovadores. Este
é o gran obxectivo dos Premios do Comercio Galega, cuxa nova edición
vén de ser convocada pola Consellería de Economía e Emprego,
que tamén busca salientar, con estas distincións, as iniciativas
máis destacadas en materia de boas prácticas. O prazo de
presentación de contribucións ficará aberto ata o 13 de outubro.
Haberá unha dotación total de 12.500 euros.
Os
galardóns artéllanse en tres categorías: o Premio Comercio de
Galicia, dotado cunha contía de 3.000 euros; o Premio Comercio
Provincial, cunha contía de 2.000 euros por provincia; e o Premio
Iniciativa Dixital para asociacións de comerciantes, cunha contía
de 1.500 euros.
Segundo
fai saber a Consellería, o galardóns distinguirán os
establecementos, a nivel provincial e autonómico, que “na súa
xestión comercial executen accións innovadoras que comporten unha
clara diferenciación” e, igualmente, a posta en práctica de
medidas eficaces no mantemento de clientes (o que se se coñece como
fidelización) e na “personalización do servizo e do
produto”. Con este fin., teranse en conta os seguintes parámetros,
moitos deles estreitamente ligados ao eido TIC: a transformación
dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, as accións
promocionais especiais e o emprego de ferramentas como a web e as
redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración
entre as canles online e offline.
No
que respecta ao Premio Iniciativa Dixital para asociacións de
comerciantes, elixirase entre as asociacións que “poñan en
práctica proxectos tecnolóxicos ligados ao comercio que inclúan
presenza na Rede, utilización de novas tecnoloxías e que
incrementen o mantemento de clientes e os servizos prestados aos
clientes”.
