Os organizadores de Play-Doc convocan o apoio dos internautas para completar os seus orzamentos

venres, 1 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

O festival Play-Doc de Tui, un dos máis senlleiros a nivel internacional e de meirande importancia artística da nosa terra (traendo cada ano directores de primeiro nivel), resiste á caída de axudas públicas e privadas apostando por unha serie de ingredientes a ter en conta: botando man do seu elevado prestixio en tódolos ámbitos creativos, poñendo en marcha unha campaña na Rede para a recadación de fondos orzamentarios e, por último e non menos importante, tirando proveito da teimosía e máis do compromiso coas artes e o coñecemento dos seus responsables e promotores. O segundo ingrediente, as axudas a través da Internet, materializarase a través da iniciativa Play-Doc Support, campaña de recadación de fondos que, facendo uso da metodoloxía de crowdfounding (mobilización de pequenos produtores-internautas), ten potencial para paliar o déficit orzamentario.
Sinalar o Play-Doc Festival Internacional de Documentais celebrará a súa novena edición do 13 ao 17 de marzo próximos, en Tui, a localidade histórica que desde as súas orixes (2005) acolle esta importante xuntanza cinematográfica.
Por certo que os que desexen contribuír e colaborar co festival de maneira directa, recibirán descontos e/ou pases especiais para as actividades programadas. As doazóns pódense facer a través da web do festival. O certame busca, como dixemos, diminuír o déficit nas súas contas, para seguir medrando e ampliando o seu radio de alcance. Nesta liña de crecemento e ampliación sitúase, precisamente, a canle posta en marcha recentemente en colaboración con R Televisión. Falamos de Play-Doc TV. Como lembraremos, trátase dunha nova achega audiovisual para permitirnos acceder, a través do servizo de vídeo baixo demanda de R, a contidos presentados anualmente no festival. A iniciativa diríxese a ampliar a proposta do certame “dando a coñecer un tipo de cinema documental que decote non ten cabida nos espazos comerciais de exhibición e ao que é difícil acceder fóra do circuíto de festivais”, informaron no seu día os responsables do festival.