Os militares ingleses prefiren os videoxogos aos seus simuladores virtuais

venres, 30 de decembro do 2011 Raquel Noya

A tecnoloxía empregada nos videoxogos evolucionou a tal ritmo nos últimos anos que nin as simulacións de adestramento para militares conseguiron acadar ese nivel de realismo para as súas aplicacións.
E malia que nos custe crelo, non se trata dunha broma do Día dos Inocentes, non; o Ministerio de Defensa do Reino Unido, sen ir máis lonxe, tivo que actualizar os seus simuladores de adestramento para militares, para conseguir que estes non perderan o interese e prestasen máis atención durante as súas prácticas virtuais.
Os militares, acostumados aos videoxogos de última xeración, “perdían o interese por realizar as simulacións con sistemas anticuados, que non tiñan o grao de realismo que acadaran xa as videoconsolas que tiñan nas súas casas.
Este grao de realismo xa se aplicou a diversos ámbitos profesionais como a fórmula 1 ou a aviación, porén no exército inglés semella que a experiencia visual e física á que poden acceder os usuarios deixa bastante que desexar en comparación cos videoxogos das súas casas.
Xa que logo, esta entidade tivo que probar distintos simuladores para formar aos soldados empregando programas moi similares aos videoxogos, e vistos os resultados, déronse conta de que tiñan que actualizar os seus simuladores para poder sacarlle partido á tecnoloxía que empregaban. Segundo o xornal inglés, “os militares perdían interese nos exercicios de simulación pola súa falta de realismo”.

Imaxe do Virtual Battlespace 2

Os expertos apuntan a que o “verdadeiro problema” radica en que os soldados acostumáronse a unha calidade gráfica e a un realismo tan elevado grazas ás consolas de última xeración, que os exercicios cos simuladores xa non resultaban de interese para eles, pois sabían en todo momento “que era unha simulación”.
Moitos deses soldados son xogadores habituais de Xbox e PlayStation 3 polo que, entendemos que xogadores habituais de Call of Duty e Virtual Battlespace, coñecidos xogos de guerra que fan as delicias de milleiros de mozos en todo o mundo.
O líder do equipo técnico que se encarga dos simuladores do exército do Reino Unido, Adrew Poulter asegura que “nos anos 80 e 90 o exército estaba moi por diante en termos de calidade de simulación, porén agora, por 50 libras, podes adquirir un xogo comercial que é moito máis realista que o tipo de ferramentas que se empregan no exército”; neste senso Poulter asegura que o exército do Reino Unido xa decidiu investir para mellorar o problema, e que grazas a xogos como o Call of Duty, xa se acadou un novo nivel.


Trailer do Virtual Battlespace 2