O servizo de videoclub en liña non acaba de despegar

martes, 26 de xuño do 2012 Raquel Noya

Catálogos “raquíticos”, prezos “desorbitados”, estreas que tardan semanas en chegar e conexións que se cortan durante a emisión, son algúns dos atrancos que a comunidade internauta atopa ao usar os servizos de videoclub en liña aquí en España, unha industria que malia os múltiples intentos, non acaba de despegar.
El País achega unha completa reportaxe na que explica, en parte, as causas de que este tipo de servizos en streaming non funcionen igual que, por exemplo, nos Estados Unidos, onde a plataforma Netflix desenvolve esta mesma labor de xeito “espectacular” segundo os comentarios dalgúns lectores.
Tal e como explican neste xornal, YouZee, unha das últimas iniciativas en aterrar en España “logrou só 71.000 rexistros en seis meses, porén non desvela o número de suscriptores de pago”, engaden, que debe ser mínimo.
Outra plataforma similar, como é Wuaki, conta con 250.000 rexistros, dos cales só paga por alugar un 3%; e CineClick, que conta con 120.000 e deles só alugan o 1%.
Con Filmin, Voddler e YouZee repítese o conto, e no caso da última, achácano a que ten poucas novidades no catálogo e o prezo que cobran por elas é desmesurado (entre dous e cinco euros por películas que se estrearon hai 3 meses).
Os directivos destas plataformas deféndense argumentando que “os propietarios dos dereitos obrigan a desembolsos moi altos, os marxes son mínimos e os usuarios poden descargar de balde doutros sitios”, explica o director xeral de CineClick, Germán Renau, quen engade que fan falla, a lo menos, 500.000 usuarios rexistrados para que o negocio poida ser rendible.
Outro prexudicado, neste caso o portavoz de Filmin, José Antonio de Luna, tamén lle atribúe ás descargas ilegais a mala situación do sector, e explica que o seu servizo, por exemplo, “non será rendible ata o 2014”.
A comunidade internauta, sen embargo, non acepta estas escusas, e moitos usuarios afirman que estarían dispostos a pagar polos contidos sempre e cando se trate de “prezos razoables” e estreas que chegan “no día ou pouco despois” e non semanas máis tarde.
Sexa ou non debido ás descargas ilegais, o certo é que o sector aínda está en transición e os pasos van máis lentos do que se agardaba, porén o novo modelo de negocio non tardará en impoñerse debido ás, cada vez maiores, esixencias dos usuarios no tocante a calidade e inmediatez.
O futuro do negocio, xa que logo, dependerá de que as produtoras, distribuidoras e exhibidoras baixen os prezos, e de que a comunidade internauta prefira apostar pola comodidade, a calidade, a seguridade e a legalidade deste tipo de servizos.