O secretario xeral de Medios inaugurou hoxe a nova aula CeMIT de Boiro
martes, 20 de decembro do 2011
Alfonso Cabaleiro, o secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, achegouse esta mañá ata a vila coruñesa de Boiro para inaugurar a súa acabada de reformar aula CeMIT, na que se investiron do redor de 33.000 euros en melloras e equipamento máis axeitado ás novas necesidades dos usuarios e usuarias.
As instalacións anteriores databan do ano 2005, polo que tiveron que levarse a cabo actuacións de actualización do mobiliario (mesa do profesorado e cadeiras); de renovación do equipamento informático (con 12 novos PCs e pantallas); de instalación de equipamento audiovisual complementario do existente e de instalación dun sistema profesional de videoconferencia.
Por esta aula, na que ao longo de 2011 se impartiron un total de 18 actividades de alfabetización dixital e diversos cursos multimedia e audiovisual, pasaron xa preto de 400 persoas, que a partir de agora poderán gozar de equipamento máis moderno e mobiliario máis cómodo co que superar as 290 horas formativas que se deron neste tempo.
A estas horas hai que sumarlle as que os boirenses dedicaron a realizar consultas e trámites persoais a través de Internet, que a aula de Boiro, ao igual que o resto de aulas que compoñen a rede CeMIT, permite facer sen custe algún e durante o tempo que os veciños e veciñas precisen.
Na súa intervención, Alfonso Cabaleiro lembrou que esta actuación enmárcase no programa de actualización de aulas existentes na rede CeMIT que a Secretaría Xeral de Medios está a desenvolver durante o ano 2011 “co fin de adecualas aos estándares empregados nas aulas de nova creación”, máis modernas e funcionais.
A rede CeMIT constitúe un dos elementos fundamentais para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns en igualdade de condicións; na actualidade está presente en 92 concellos e conta con 98 aulas espalladas por todo o territorio.
