O Instituto Tecnolóxico de Galicia incrementa nun 30% a taxa de consultas resoltas

mércores, 8 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia, especializado no desenvolvemento de recursos dixitais e actividades de formación de cara a mellorar a xestión e o funcionamento das nosas empresas, vén de facer reconto do acadado nesta liña de traballo ao longo de 2011, máis polo miúdo na liña de traballo centrada no asesoramento na procura de axudas. Segundo informa o ITG, as accións de información e asesoramento sobre métodos para atopar reforzos para iniciativas innovadoras chegaron a 26 empresas, cousa que se materializou en case 450 consultas resoltas, un 30% máis que en 2010.
Estes son os datos do servizo do ITG posto en marcha para axudar ás empresas e emprendedores a atopar as axudas públicas dispoñibles para dar saída a iniciativas de I+D. O instituto desprega este labor como parte da Rede de Puntos PIDI do Ministerio de Economía e Competitividade, servizo encamiñado a facilitar o acceso a financiamentos públicos. Volvendo aos datos sobre a actividade do ITG, dicir que das consultas realizadas por empresas nacionais, máis do 78% foron acerca do programa Innterconecta Galicia, mentres que a meirande parte das internacionais referíronse ao Programa CIP de Enerxía Intelixente. O 25% das consultas veu da man do sector TIC, o das novas tecnoloxías da información, e o 74% do total tiveron a súa orixe na xeografía galega.
Lembrar que Innterconecta Galicia, un programa do que falamos polo miúdo nesta web con motivo da súa presentación, diríxese a financiar proxectos de innovación de emprendedores e centros tecnolóxicos mobilizando un total de 60 millóns de euros entre achegas públicas e privadas e que nace da colaboración entre o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e a Xunta.