O CPEIG insta ao Goberno a regular as atribucións profesionais dos enxeñeiros en Informática

martes, 23 de xuño do 2009 Raquel Noya

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, vai asistir mañá mércores á sesión plenaria do Parlamento de Galicia, na que de debatirá unha proposición non de lei para instar ao Goberno Central a aprobar unha lei na que se regulen as atribucións profesionais dos titulados universitarios en Enxeñaría en Informática.
A aprobación desta normativa é unha das principais demandas polas que está a traballar o CPEIG, coa organización e participación en diversos actos reivindicativos a nivel autonómico e estatal. O obxectivo final é, segundo veñen de anunciar os seus responsables, “lograr o recoñecemento da importancia da profesión no desenvolvemento da sociedade actual”.
A presentación desta proposición non de lei terá lugar ás 10:00 horas no Hemiciclo do Parlamento de Galicia-Pazo do Hórreo.