O CPEIG fai unha proclama pola alfabetización dixital inclusiva na Noite da Enxeñaría e Informática
venres, 29 de outubro do 2021
O
Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou
este 29 de outubro a 13 edición da súa Noite da Enxeñaría en
Informática de Galicia. Fixoo cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta
del Camino en Santiago de Compostela e coa entrega dos premios anuais
da profesión (dez) que concede a entidade profesional. Asistiron
máis de 250 convidados, entre representantes do ámbito empresarial,
da Administración pública, do ámbito universitario e profesionais
do eido tecnolóxico.
Esta
décimo terceira edición, conducida pola presentadora de televisión
Paula Vázquez, foi inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando
Suárez, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, así como
clausurada polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
Ademais, contouse coa asistencia doutras autoridades como o
presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da
Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da
Universidade de Santiago (USC), Antonio López; o reitor da
Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; a directora da Escola
Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos; e
a concelleira de Economía do Concello de Santiago, Marta Abal; así
como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que
exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados
do CPEIG.
Fernando
Suárez comezou a súa intervención recalcando como a pandemia e os
confinamentos puxeron en evidencia que “desde hai décadas vivimos
nunha sociedade tecnolóxica”, proceso de dixitalización que se
acelerou en 2020, “o ano en que todo cambiou”, principalmente no
terreo da educación.
“A
pandemia non é máis que unha peza dentro dunha cadea de
transformación que ten un abanico temporal moito máis amplo. Agora,
o obxecto debe ser aproveitar a medio prazo as vantaxes dunha
economía intelixente, e, para iso, o dixital debe ser un tema
transversal, que estea presente en todas as estratexias de
desenvolvemento. As accións a emprender deben ser inclusivas para
non deixar a ningún colectivo á marxe, e deben ter en conta os
principios de sustentabilidade ambiental. É igualmente preciso
promover a alfabetización dixital entre traballadores, cuxos
contornas van ser cada vez máis tecnolóxicas, e entre a cidadanía,
para que poida beneficiarse ao máximo dos servizos que ofrece a
sociedade dixital”, explicou.
O
presidente do CPEIG fixo saber que a economía pospandemia ten
que ser “intensiva en coñecemento” e conta xa cun sector da
Enxeñaría en Informática referencia na colaboración aberta, na
achega de recursos, información e ideas. Neste novo marco da
economía do coñecemento, o presidente dos informáticos galegos
compartiu a súa preocupación polo deseño do novo horario escolar
para Primaria no que non figura a informática. “Incluír esta
materia permitiría introducir á nosa mocidade no pensamento
computacional, proceso que inclúe habilidades propias da computación
e o pensamento crítico para a resolución de problemas, o deseño de
sistemas e o entendemento do comportamento humano. Estas habilidades
son fundamentais para facer fronte ás grandes problemáticas do
século XXI como a pobreza, a biodiversidade, a saúde ou o
quecemento global”, dixo.
Suárez
asegurou que a sociedade española ten o gran reto de afrontar a
demanda de traballadores do sector TIC para non perder o tren da
innovación e da competitividade. “Nos próximos dez anos crearanse
650.000 novos postos, e o 50 % dos empregados necesitarán novas
capacidades por mor do avance tecnolóxico”. Neste punto, o
presidente dixo que a Administración pública debe ser “o espello
no que se reflicte tanto sociedade como sector empresarial”. E
engadiu: “Galicia é unha referencia na aposta pública pola
innovación, con exemplos como o polo de tecnoloxías cuánticas que
hoxe premiamos. Desde o CPEIG reclamamos que o sexa tamén na aposta
polo talento dos nosos titulados, igualando o acceso á función
pública co resto de enxeñarías a través da creación dun corpo
Superior de Informática”.
Co
fin de evitar “consecuencias negativas da transformación dixital”,
Suárez manifestou que “é preciso un acordo colectivo para
asegurar a sustentabilidade da dixitalización a base de mellorar a
inclusividade, a transparencia e a capacidade de elección, a
rendición de contas, a responsabilidade e a equidade, e a non
discriminación”. Indicou que desde o CPEIG os seus integrantes son
conscientes da demanda crecente dun compromiso ético no avance
tecnolóxico e da necesidade dun marco común, polo que o pasado ano
o Consejo de Colegios de Ingeniería Informática creou o selo de
empresa éTICa ao que o colexio profesional galego se adheriu. “Temos
nas nosas mans a posibilidade de modelar o futuro que queremos, unha
sociedade dixital humanista baseada nunha ética e uns valores, que
sitúe ao ser humano no centro de todas as cousas. Tal e como
representamos na figura deseñada polo colexio para os premios que
hoxe concedemos, o futuro está na nosa man” .
A gala
A gala contou coa actuación do humorista Dani Delacámara que divertiu aos asistentes cun monólogo sobre a situación vivida coa pandemia da COVID-19. Tamén actuou o grupo musical de versións acústicas Versionettes, e sa convidadas e convidados puideron pasar un bo momento retratándose nunha máquina de hologramas a tamaño real de última tecnoloxía. A cea de OCA Hotels imitou en parte o formato das ceas clandestinas do propio establecemento hoteleiro. O menú e preparación correu a cargo do director de Alimentos e Bebidas, Pablo Vila, o xefe de cociña do Hotel OCA Puerta del Camino, Miguel Sande, coa colaboración do xefe de cociña do Hotel OCA Vila de Allariz, Gerson Iglesias. A maridaxe fíxose baixo a tutela do enólogo xefe de Ferrer Wines, Javier Aladro. Tamén o barista xefe de Cafés Candelas, José Manuel Portela, foi o autor dun combinado de café frío.
Premios da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
– Premio
e-Inclusión. Este recoñecemento outórgase a a Samsung
Electronics Iberia, S.A.U. polo seu proxecto Tallk destinado a
facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA.
– Premio
Iniciativa da Administración. Esta distinción foi para o Centro
de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto Quantum
Computing destinado a colocar a Galicia como un referente
internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, accedendo a un
mercado internacional de alto valor estratéxico e económico.
– Premio
Iniciativa Empresarial. A Red Mundo Atlántico pola súa achega á
innovación social e á internacionalización das pequenas e medianas
empresas do Eixo Atlántico a través da súa rede de networking
e de impulso ao financiamento europeo dos proxectos.
– Premio
Iniciativa Emprendedora. A empresa galega Councilbox, con sede
central en Nigrán, foi distinguida pola súa tecnoloxía de reunións
remotas con voto electrónico e validez legal.
– Premio
Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática. A
enxeñeira en informática Ana Freire (Rábade, 1983), experta en
intelixencia artificial e recuperación de información, foi premiada
con este recoñecemento. É unha firme impulsora do uso da tecnoloxía
para o ben social, así como da contribución das mulleres neste
ámbito para lograr unha tecnoloxía plenamente útil e ao servizo
das persoas.
– Premio
Innovación Tecnolóxica no Ensino. O recoñecemento é para o
Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo
seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’ destinado a fomentar as
vocacións TIC entre a mocidade, á vez que da visibilidade ás
persoas con diversidade funcional e contribúe a facilitar o seu día
a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras.
– Premio
Traxectoria Profesional. O galardón é para enxeñeiro en
informática Carlos Eloy López Blanco (A Coruña, 1970) pola súa
destacada contribución á transformación dixital das organizacións
e á ciberseguridade.
– Premio
Especial A Noite. Este recoñecemento outórgase a Balidea,
Emetel, Inycom e Minsait polo seu permanente apoio á entidade
colexial e á gala de referencia do sector TIC en Galicia.
– Premio
Especial a Código Cero no seu 20 aniversario.
O diario dixital Código Cero é recoñecido por cumprir vinte
anos achegando a información tecnolóxica en galego.
– Premio
Traballo Fin de Mestrado. O premio foi para Elisa Fernández
Álvarez (A Fonsagrada, 1996), polo desenvolvemento dunha ferramenta
que permite a xestión e explotación dos datos de carga viral
obtidos a partir da análise de augas residuais e que son empregados
para realizar predicións de casos da COVID-19 para o seu Traballo
Fin de Mestrado na Universidade da Coruña.
– Colexiado
de Honra. Este premio recaeu no arquitecto de computadores Mateo
Valero Cortés (Alfamén, Zaragoza, 1952), director do Barcelona
Supercomputing Center-Centro Nacional de Supercomputación, impulsor
da supercomputación en España e Europa, e un dos investigadores
mundialmente máis premiados no seu eido de actividade.
- Fotografía de familia dos premiados na Noite