O CCG rexistrará o son simultáneo de corenta recantos do casco histórico compostelán
martes, 4 de febreiro do 2020

- Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, nunha imaxe de Antonio Hernández para El Correo Gallego
O
Consello da Cultura Galega vai acoller esta semana (mércores e
xoves) unhas xornadas que tocarán as posibilidades (amplas,
enriquecedoras) da vertente máis participativa, social e comunitaria
das novas tecnoloxías para preservar a nosa riqueza acústica. O
encontro Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio será
inaugurado na sede do CCG ás 9.45 horas pola presidenta da
institución, Rosario Álvarez, e o director do Arquivo Sonoro de
Galicia, Xosé Ramón Pousa. No transcurso da sesión,
rexistrarase a través dunha experiencia colectiva, a pé de rúa, a
identidade sonora de Compostela. Farase partindo da base de corenta
rexistros noutros tantos recantos do casco histórico, co son da
Berenguela como elemento vertebrador. Esta experiencia será
coordinada, precisamente, por Xosé Ramón Pousa.
O
obxectivo das xornadas é “pór o foco na importancia que son ten
para a memoria” e ilustrar ata que punto as técnicas dixitais
poden preservalo, difundilo, inmortalizalo e poñelo en valor.
A
presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar
esta cita, que concentra durante dous días a especialistas no
rexistro e tratamento de recursos sonoros.
As
sesións comezarán coa intervención de Miquel Termens Graells,
decano da Facultade de Información e Medios Audiovisuais da
Universitat de Barcelona, que dará as claves de como almacenar un
documento sonoro para o futuro. Despois, Ángeles Afuera,
investigadora da Universidad Complutense de Madrid e exdirectora dos
arquivos da Cadena Ser, intervirá para explicar como a radio pode
ser unha fonte documental sonora.
Pecha
a mañá do mércores o investigador e etnomusicólogo Iñigo
Sánchez, que ofrecerá a súa experiencia de como se pode apreciar a
transformación dun barrio histórico dunha cidade como Lisboa a
través do son.
As
sesións expositivas continúan o xoves con Javier Suárez Quirós,
profesor da Universidade de Oviedo, que falará de Mapas sonoros e
culturas emerxentes: Unha metodoloxía para a análise acústica
perceptiva e afectiva das paisaxes sonoras nas Smart Cities.
Pecha esta cita unha mesa redonda na que Xabier Erkizia, Manuel Gago
e Paulo Marques falan dos mapas sonoros de Euskadi, Galicia e do
proxecto portugués Natural soundscapes in a changing world.
A
experiencia compostelá
O
programa reserva a tarde do mércores para a experiencia sonora
compostelá, unha xeira de rexistro á que están convidadas a
participar as persoas inscritas neste seminario. A proposta consiste
en gravar de maneira simultánea o son ambiente en corenta puntos do
casco histórico compostelán cunha serie de indicacións e pautas. O
son da campá da Berenguela será o elemento integrador en toda a
actividade, que se subirá posteriormente ao Mapa
Sonoro de Galicia posto en marcha e mantido polo Consello da
Cultura.
