O 39% dos usuarios de Internet móbil emprégao para operacións bancarias

mércores, 18 de xullo do 2012 Raquel Noya

Se ben as cousas non lle van moi ben á banca, en xeral, a aposta pola banca en liña abriulle nos últimos anos unha pequena fiestra de esperanza ao sector, que dende entón pode aforrar tempo e custes, e manter así á clientela algo menos anoxada.
De feito, son moitos os clientes que aproveitan as vantaxes da Rede para levar conta dos seus aforros e xestións comodamente dende a distancia sen acudir á sucursal física, e mesmo os que teñen Internet móbil, aproveitan para facelo dende o seu teléfono.
Segundo un estudo elaborado polo banco en liña español Self Bank, o 58% das persoas enquisadas dispón de Internet no móbil, e delas, “un 39% emprégano na actualidade para realizar operacións bancarias”.
Ademais, o 53% da mostra afirma ter un “alto grao de confianza” no acceso ao seu banco a través do móbil, realizando unha media de 3,4 operacións a través do devandito dispositivo.
Debullando os datos obtemos que o 98% destes “inversores móbiles” utilizan o teléfono normalmente para consultar saldos e movementos de conta, o 80% para realizar transferencias bancarias, o 56% para realizar operacións e consultas con tarxetas, o 44% para a compravenda de accións e para realizar consultas no mercado e o 26% para contratar ou traspasar fondos.
Por último, o 22% dos enquisados emprega esta tecnoloxía para realizar outras operacións, como o seguimento da bolsa en tempo real, operacións con opcións ou Cfd´s e pagos por móbil, entre outras.
Para os responsables da enquisa, esta nova tendencia “está dando lugar a que as persoas usuarias interesadas no mundo das inversións teñan un acceso total á información”, “podendo valerse por si mesmos á hora de buscar oportunidades de negocio e coñecer as últimas tendencias”, afirman en Self Bank.