Microsoft convoca o concurso de desenvolvemento de aplicacións, Imagine Mobile
martes, 14 de xullo do 2009
Microsoft, a compañía tecnolóxica internacional que
estes días está a dar que falar pola súa colaboración
con Euskaltel, vén de anunciar a súa intención de convidar aos
desenvolvedores a “formar parte da nova
experiencia nos teléfonos Windows” a través do concurso Imagine Mobile, aberto para todas as
persoas interesadas, con creatividade dabondo para xerar aplicacións orixinais
para os devanditos terminais.
O concurso está aberto a todas as persoas creativas
e creadoras, dende xente universitaria ata experimentada desenvolvedora que
sexa quen de construir novas aplicacións que supoñan unha innovación no mercado
e que axuden a mellorar o día a día dos usuarios dos teléfonos Windows, tanto
na súa faceta persoal como na profesional.
O
xurado estará composto por representantes de Vodafone,
Sony Ericsson, Microsoft,
a comunidade Mobile Nug, destacados xornalistas e o
Centro Microsoft de Innovación en Mobilidade, e
poñerá especial atención naquelas aplicacións que innoven en comunicacións, creen
novas experiencias de ocio, widgets, etc.
As persoas que
resulten gañadoras nesta orixinal competición terán a oportunidade de ser as
primeiras en comercializar as súas aplicacións na nova tenda en liña da
compañía Windows Marketplace, ademais de acceder a diferentes premios e axudas
para o desenvolvemento de aplicacións, tales como contías en metálico, que van
dos 3.000 aos 10.000 euros, e distintas ferramentas de desenvolvemento de
Microsoft ou videoxogos.
Os concursantes
poderán, asemade, comercializar a súas creacións da maneira que o desexen, sen
estar comprometidos a facelo a través de Marketplace.
Para David Fernández, Director de Windows Mobile
en España, "Windows Mobile non remata no sistema operativo, senón que engloba
tamén todo o ecosistema de aplicacións que están en torno a este. Os
desenvolvedores son para nós esenciais para seguir enriquecendo a experiencia
dos usuarios dos teléfonos Windows con novas e apaixonantes
posibilidades".
Todas
as persoas interesadas en participar no concurso, poden informarse e inscribirse dende
hoxe e ata o 3 de agosto na web oficial do evento e optar a diferentes premios
económicos, portais e comunidades para dar a coñecer as súas aplicacións, así
como a diversas ferramentas de desenvolvemento para continuar dando forma ás
súas ideas, entre outros beneficios.
Esta
tenda virtual inaugurarase a finais de setembro, coincidindo co lanzamento do
novo sistema operativo Windows Mobile 6.5 e a resolución do concurso.
