Mar Capeáns convidou ás rapazas a participar plenamente nos cambios TIC que nos agardan
luns, 14 de outubro do 2019
Hoxe
celebrouse unha nova actividade do
programa Girl STEM, o programa divulgativo de AGASOL e AMTEGA
para mostrar ao mundo as importantes contribucións das mulleres ao
ámbito científico-tecnolóxico (ao tempo que se espertan vocacións
entre as novas xeracións da nosa terra). A actividade deste luns
correu a cargo de Mar Capeáns, científica senior no CERN
(Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear), quen se
xuntou no pazo da Cultura de Pontevedra co alumnado (250 rapazas e
rapaces) do IES de Chapela, do CPI Toural de Vilaboa, do IES
Plurilingüe Anton Losada Diéguez da Estrada, e dos IES A Xunqueira
I e II.
Tras
unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e
socióloga experta en xénero, Mar Capeáns botouse a desmontar os
prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións
científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores.
Amais,
explicou á rapazada o traballo que desenvolve no CERN, o laboratorio
mundial onde colaboran científicas e científicos de todo o mundo en
investigacións arredor da enerxía nuclear e o acelerador de
partículas que, segundo precisou, “é un anel de 10.000 imáns
super-condutores de 27 km de lonxitude a 100 metros baixo terra”.
Capeáns
sinalou que “para alcanzar retos científicos necesitamos
desenvolver moita tecnoloxía e para realizar ese traballo son
necesarios perfís de diversas enxeñerías en diferentes ámbitos”.
Ao fío disto, relatou o proceso do descubrimento do Bosón de Higgs,
cualificándoo como “un dos achados máis importantes da física
actual, un paso histórico para a humanidade, co que puidemos
demostrar que non existe o baleiro no universo e que foi posible
grazas á colaboración de miles de científicos e científicas
traballando en equipo”. Amais, convidou ás/aos estudantes “a
participar dos cambios tecnolóxicos que nos agardan nun futuro moi
próximo” e achegoulles consellos para descubrir cadanseus
talentos, desenvolver unha visión propia sobre cada proxecto,
defender o seu espazo e dicir sempre si a cada reto que se lles
presente.
Durante
a súa intervención, Capeáns avogou por “construír un liderado
feminino porque as mulleres podemos achegar á ciencia a nosa visión
e o noso xeito de facer as cousas” e engadiu que é de lamentar o
feito de que “só un 20% das persoas que traballan no CERN sexan
mulleres”, unha porcentaxe moi semellante “á que atopamos no
resto de institucións científicas e universidades arredor dos
ámbitos científicos e tecnolóxicos”. Segundo fixo saber, “cando
investimos en mulleres e lles damos oportunidades, os resultados son
espectaculares, así que temos que ser xenerosas e inspiradoras para
que outras se acheguen a estas profesións”
Coa
charla de hoxe quíxose contribuír a reducir a fenda de xénero que
existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia,
Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino
representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de
Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.
Quen
é Mar Capeáns
Científica
senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da
Enerxía Nuclear) en Xenebra, Suíza, Mar Capeáns é doutora en
Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe un MBA
en Xestión de proxectos tecnolóxicos pola École Polytechnique
Fédérale e Universidade de Lausanne (Suíza). Incorporouse ao CERN
en 1992, para realizar o seu mestrado e doutoramento no grupo de
desenvolvemento de detectores de Georges Charpak, premio Nobel de
Física ese mesmo ano.
Tras
seis anos traballando en proxectos de I+D para atopar as tecnoloxías
de detección apropiadas para os experimentos do Large Hadron
Collider ( LHC), en 1998 únese ao laboratorio Deutsches Elektronen-
Synchrotron (DESY) en Alemaña e participa no deseño, a construción
e posta a punto do detector do experimento HERA-B. No ano 2000
regresa ao CERN e en 2001 incorpórase como membro do persoal
científico do CERN ao experimento ATLAS do LHC, onde desenvolve a
súa actividade no deseño e construción do detector.
Experta
no deseño e construción de detectores de partículas e a xestión
de grandes proxectos tecnolóxicos, lidera o grupo de Tecnoloxía de
Detectores do CERN desde 2012 ata 2017. En 2017 a Doutora Capeáns
lidera o grupo de xestión de proxectos do Departamento de Tecnoloxía
do CERN. En 2019 é nomeada coordinadora técnica para liderar as
melloras tecnolóxicas do experimento CMS para HL-LHC, a futura fase
do proxecto LHC. A doutora Capeáns publicou máis de 450 artigos
científicos no eido da Física de Altas Enerxías e a
instrumentación, é editora da revista Journal of
Instrumentation (JINST), e serviu como asesora en consellos
científicos e na avaliación de financiamento competitivo de
programas de física de partículas para programas da Comisión
Europea e tamén en proxectos internacionais.
