Máis recoñecemento ao software libre e á accesibilidade: novidades nos Premios EGANET
venres, 19 de novembro do 2010
A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet (EGANET) anunciou estes días a posta en marcha dunha nova edición dos seus premios, que dende hai xa sete anos recoñecen o traballo ben feito das nosas empresas, entidades e organizacións no camiño de afianzármonos na vangarda da Sociedade do Coñecemento. O prazo de presentación das candidaturas, que abranguen todo tipo de produtos e servizos que teñan na Rede e nas TIC “a súa razón de ser”, está xa aberto, e ficará operativo ata o 10 de decembro. Nos galardóns, informa EGANET, poderán participar empresas, profesionais, asociacións, organizacións empresariais, ONGs, entes públicos e calquera organismo con sede social na nosa terra e que desenvolva proxectos no ámbito das novas tecnoloxías da información.
“De non ter razón social en Galicia, os/as candidatos/as poderán participar se teñen relación clara coa cultura, lingua ou sociedade galegas”, informan dende a asociación galega.
As categorías dos premios son oito, ás que se engade o Premio Especial EGANET, que a Asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega “que desde a última edición dos galardóns máis se esforzase en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet e, deste xeito, contribuíse a promover as novas tecnoloxías en Galicia”. As oito categorías para as que se reciben candidaturas son as seguintes: Premio E-Emprendedores; Premio Software, Multimedia ou Web; Premio Inclusión Dixital; Premio Mellor Ambiente Laboral; Premio Publicidade e Marketing Online; Premio E-Comerce; Premio Administración Electrónica e Premio Educación Dixital.
Como novidade, sinalar que esta sétima edición incluirá catro Premios Globais, dirixidos a salientar iniciativas de promoción de software libre, innovación, mobilidade e accesibilidade. “O código aberto, a capacidade innovadora, a adaptación dos proxectos aos distintos soportes móbiles e o acceso universal ás novas tecnoloxías serán méritos que se recoñecerán de maneira transversal”, informa EGANET, “independentemente da categoría á que se presente cada proxecto”.
Os Premios EGANET teñen tras de si o aval das seis edicións anteriores, ás que se presentaron en total 600 empresas con máis de 800 proxectos.
Os galardóns contan con achegas de investimento do Plan Avanza do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
