Investigadores fan uso da tecnoloxía 3D para visualizar as ligazóns neuronais

xoves, 21 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Se hai algo que aínda fique na súa meirande parte no misterio, non está precisamente fóra de nós. Está ben dentro: trátase das neuronas e as súas ligazóns, o xeito que teñen de comunicárense e o nivel de actividade que poden acadar (ou, para algúns casos ben concretos que todos coñecemos de tanto saír na tele, o nivel de inactividade posible). O caso é que, como en moitos outros casos, as novas tecnoloxías poden servir de luz e de lente de aumento, tal e como se desprende do traballo desenvolvido por un equipo de investigadores do Instituto Max Planck de Bioquímica (Alemaña) liderado polo físico español Rubén Fernández-Busnadiego. Ao parecer, unha boa parte do seu labor estase a centrar na obtención de imaxes en tres dimensións (3D) das vesículas e os filamentos que entran en xogo na comunicación neuronal.
A canle usada, informa SINC, consiste nunha técnica de microscopía electrónica que arrefría as células de xeito tan inmediato que as inmobiliza (conxélaas) coma se dunha foto fixa do seu labor se tratase. A técnica chámase crio-tomografía electrónica e dá como resultado espectaculares imaxes tridimensionais dun proceso chamado sinapse, que non é outra cousa que a estrutura celular que dá acubillo ao intercambio de datos entre as neuronas dos cerebros dos mamíferos. Asemade, este procedemento permite unha alteración mínima destas estruturas, posible grazas á natureza mesma das fixacións das células, vitrificadas en troques de ligadas con reactivos químicos, polo que o labor de arrefriamento posibilita unha ollada fiel da súa actividade.