Industria repartirá 300.000 lectores de DNIe, de balde
martes, 15 de setembro do 2009
Na actualidade, en España xa
circulan uns tres millóns de DNI electrónicos, que se diferencian dos seus curmáns os tradicionais, por incorporar
un chip que recolle toda a información relativa á persoa que identifica, así
como un certificado dixital, grazas ao cal se poden efectuar, por vía
telemática, unha gran cantidade de xestións coa administración.
Isto, se a oficina de turno conta
con lectores axeitados, o cal non sempre é así.
É por iso que o Goberno, facendo
mostra dunha extremada xenerosidade, vén de anunciar que vai
regalar 300.000 lectores do novo soporte de identificación persoal, porén
non deixou moi claro o modelo de lector de DNI electrónico que vai entregar a
todo aquel que o solicite a partir do 1 de outubro.
Na páxina lectordni.com,
unha web informativa que pretende orientar ao cidadán e guialo para que non se
perda á hora de empregar con éxito o seu documento de identidade dixital, dan
conta de ata catro tipos de dispositivos de lectura do DNIe, dos cales non se
sabe aínda cal será o que regale o Ministerio de Industria, se o máis barato de
18 euros ou o máis caro de 180.
Se cadra por isto, o portavoz do
BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jonquera, dirixirase mañá mércores, 16
de setembro, ao Ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, para preguntarlle
que medidas vai adoptar para solucionar “os
grandes retrasos que se producen en moitas comisarías de Galicia para poder
tramitar o DNI”.
O debate desta pregunta poderase seguir
en directo a través da web do Congreso a
partir das 9.15 horas.
