Industria reforza os seus informes en liña sobre a calidade nas telecomunicacións

martes, 12 de febreiro do 2008 Raquel Noya

O Ministerio de Industria vén de ampliar a información sobre a calidade na prestación de servizos de telecomunicacións que tiña publicada na súa web (á que se pode acceder dende esta ligazón) cun novo apartado no que se recolle un informe xeral de seguimento dos niveis obtidos.
Nel inclúense os niveis de calidade do servizo recibido polos operadores con maior volume de facturación, xunto co valor medio ponderado correspondente a todos eles; unha iniciativa que se enmarca na política de achegarlles máis transparencia e información ós usuarios no que respecta á prestación dos servizos de telecomunicacións.
Deste xeito, ademais dos datos de tipo individual e completo que publica cada operador na súa respectiva páxina web, os usuarios poderán acceder a un resume que lles permite unha visión comparativa dos valores dos parámetros de calidade publicados polas principais empresas do sector.

Niveis de calidade de servizo acadados por cada operador
Na aplicación da Orde de Calidade aprobada en marzo de 2006, tódolos operadores que superen os 20 millóns de euros de facturación anual pola prestación do servizo telefónico fixo, telefónico móbil ou de acceso a Internet, ou 2 millóns de euros polo servizo de consulta telefónica sobre números de aboado prestando a través do rango de numeración 118AB, están na obriga de publicar cada tres meses nas súas páxinas web os niveis de calidade de servizo acadados de acordo co método de medida común e demais garantías establecidas.
Pola súa parte, o Ministerio de Industria publica información complementaria para un mellor cumprimento do obxectivo de proporcionar ós usuarios información relevante sobre os niveis de calidade do servizo das distintas ofertas existentes no mercado.