Galaxia achega gratuitamente dende a súa web as primeiras páxinas das súas novidades
luns, 30 de xullo do 2012
A Editorial Galaxia, logo da
apertura da súa Aula Virtual e de anunciar a
posta en marcha dun selo 2.0, segue a espremer a cuestión dixital na
procura de novos xeitos de chegar aos lectores e ao mundo. O novo froito desta
arela de levar a literatura galega a calquera recanto onde haxa seareiras/os
conectadas/os é O
Libro do Mes, unha sección acabada de incorporar á páxina web de seu onde
os internautas poderemos, premendo nela, descargar de balde algunhas páxinas
das novidades que publique a editorial.
Este servizo gratuíto para permitirnos facer
no virtual o que facemos dende tempos inmemoriais en calquera libraría a nivel
físico (follear o libro que nos interesa á busca de sinais que nos animen a
facernos con el), bota a andar co primeiro capítulo da novela de Xavier Alcalá Verde oliva. Dende esta sección, informa Galaxia, os
lectores e lectoras poderán acceder a un pdf interactivo “que, ademais de ofrecernos ese primeiro capítulo, nos leva, se así o
queremos, á ficha do autor e do libro”.
Amais de todo isto, na sección Novidades da devandita páxina web
crearase “un reservorio” no que se
irán acumulando todos estes materiais para que quen visita a web de Galaxia
poida ler, cando guste, parte dos libros que se teñan ofertado nesta proposta
dixital que funciona en calquera dispositivo (ordenador, iPad, móbil...) con
conexión a Internet.
