Filtran imaxes dunha BlackBerry con pantalla táctil

luns, 14 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Nun momento no que o iPhone 3G está de máxima actualidade e as comparacións con outros terminais de telefonía móbil coma os BlackBerry (co seu teclado físico) son inevitables, polo que o último produto de RIM resulta sorprendente, pois se filtraron á Rede imaxes da futura BlackBerry Thunder, que carece do tradicional teclado físico QWERTY, para empregar unha grande pantalla táctil cun teclado virtual coma interface de entrada de texto.
A interface da BlackBerry Thunder tamén sorprende porque o teclado virtual é diferente en posición vertical ou horizontal, de xeito que en horizontal é coma o dun iPhone, mentres que en vertical parece máis o teclado físico dunha BlackBerry.
Pese ás semellanzas deste futuro móbil co iPhone hai que destacar que o sistema operativo que inclúe continúa a ser o tradicional das BlackBerry, estando máis baseado na produtividade que na multimedia, polo que a distancia entre ambos terminais continuaría a ser notable.