FX Interactive achegará información e descargas do seu catálogo a través de Blusens TV

mércores, 9 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Blusens Televisión, canle audiovisual en liña con xermolo galego, vén de anunciar a posta en marcha dun novo servizo de xogos. A nova canle, lanzada en virtude dun acordo co selo FX Interactive, achegará información sobre todo o catálogo desta firma, unha das que máis ten destacado ao longo destes anos na procura de produtos de baixo custe e de calidade para os seareiros das aventuras gráficas ideadas para o computador. Segundo sinala a firma compostelá Blusens na súa web, amais de xogos, o novo servizo ofrecerá contidos sobre os mesmos, novidades, documentais sobre o desenvolvemento de novas achegas e demostracións.
A relación entre ámbalas dúas empresas comezou o pasado mes de outubro coa posta en marcha do Blusens P70, un trebello MP5 que entre outras funcionalidades incorporaba a aventura Navy Moves de FX.
Para quen estea interesado en probar a nova cadea, sinalar que só é preciso darse de alta na plataforma. Amais de todo o devandito, quen faga uso da canle terá ao alcance da man a descarga gratuíta de aventuras gráficas do selo español, é o caso do clásico Navy Moves.