EGANET certifica o seu posicionamento contra a exclusión dixital

martes, 8 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A xunta directiva de EGANET nunha imaxe recente

Tal e como avanzamos, en breve teremos ocasión de participar nun congreso dirixido a pór de relevo a importancia de acadar unha Sociedade da Información que non deixe a ninguén fóra, sexa por ter unha diversidade funcional sexa por calquera outro motivo. En concreto, a xuntanza encamíñase a afondar na importancia destas accións dende os primeiros treitos do camiño, ou sexa, dende a escola. Con este fin, servirá entre outras cousas para formar aos profesores e aos pais nos principais recursos de inclusión dixital. O congreso, que se celebra en Ourense (11 e 12 de febreiro no Auditorio Municipal), está organizado por TADEGa e EGANET. Para a segunda das asociacións, que colabora na posta en marcha do congreso e no seu programa, este apoio á xuntanza é unha mostra da súa estratexia de compromiso con todas as persoas en risco de exclusión dixital.

Esta circunstancia, sinala EGANET, é especialmente grave se temos en conta a gran cantidade de vantaxes e beneficios que as ferramentas tecnolóxicas poden achegar para o conxunto da sociedade, tanto no eido da comunicación e a información (favorecen o acceso ás mesmas) como no da consecución de novos modelos laborais (facilitan todo tipo de tarefas sen necesidade de desprazamentos).

EGANET únese así ao labor que TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galego) leva anos desenvolvendo a prol dun eido informático accesible e cen por cen aberto.

Xa nun eido concreto e remitíndonos ao programa, dicir que a presenza de EGANET deixarase notar en varias das actividades previstas. Por exemplo, o vicepresidente primeiro da asociación, Daniel Cerqueiro, participará na xuntanza como representante do sector TIC galego en loita contra a fenda dixital e intervirá na mesa inaugural. Ao seu carón, sentará na mesa o presidente da Fundación Orange, Luis Alberto Salazar-Simpson Bos, e o presidente de TADEGa, Juan José Fernández García, entre outros.

Menos teoría e máis práctica

O programa do II Congreso TADEGa está concibido cun carácter sumamente práctico, de xeito que os relatorios serán substituídos por unha mesa redonda e múltiples obradoiros nos que cada asistente buscará os contidos máis axeitados ao seu perfil e intereses. Nos obradoiros ofrecerase formación e coñecemento no uso das TIC como ferramentas para a integración dos colectivos máis desfavorecidos na Sociedade da Información.

As TIC para mellorar a experiencia educativa

As ferramentas dixitais na atención do alumnado con NEAE (Necesidades Educativas de Apoio Específico) e na pedagoxía inclusiva serán dous dos eixes arredor dos que se traballará durante os dous días que dure o congreso; un xeito de poñer en valor o potencial das TIC na mellora da experiencia educativa do sector da poboación con diversidade funcional.

Traballarase ademais, sobre os recursos dixitais para Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC) así como na vertebración de contidos, servizos. Farase tamén, un percorrido polas iniciativas do empresariado galego recoñecidas pola súa accesibilidade.

O congreso terá lugar os días 11 e 12 de febreiro no Auditorio Municipal de Ourense. Os asistentes recibirán un certificado que conta coa homologación da Consellería de Educación por un total de 12 horas. Xunto con EGANET, colaboran no congreso II Congreso TADEGa: a Consellería de Educación, a Consellería de Economía e Industria, o Concello de Ourense, a Fundación Orange, a Asociación Divertic, BJ Adaptacións, Smart Technologies, Lola Pirindola e a Asociación do Encerado Dixital de Galicia (Ediga).