Dúas alumnas de Rois compiten no YouTube Space Lab representando a Europa, Oriente Medio e África

xoves, 23 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Hai cousa dun mes, en Código Cero anunciamos con gran ledicia e admiración que dúas alumnas galegas do C.P.I Dos Dices de Rois saían finalistas do YouTube Space Lab, un concurso que retaba aos estudantes de entre 14 e 18 anos de todo o mundo a deseñar un experimento que se puidera realizar no espazo. Pois ben, Laura Calvo e María Vilas, as aplicadas alumnas galegas que a ben seguro serán o olliño dereito dos seus mestres de ciencias, saíron vencedoras da zona de Europa, Oriente Medio e África na categoría de entre 14 e 16 anos, co que acudirán a EEUU en representación desta área.
Máis polo miúdo, estas dúas alumnas galegas de 15 anos de idade, viaxarán ata Washington en marzo, onde participarán nunha serie de actividades e eventos destinados a dar a coñecer as súas achegas e recibirán cadanseus IdeaPad U300s ultrabook de Lenovo para traballar en novos e innovadores proxectos.

Laura Calvo, o profesor Javier Méndez e María Vilas nunha imaxe publicada por La Voz de Galicia

Asemade, poderán gozar dun voo sen gravidade, e facer unha visita especial ao Museo Aeroespacial Udvar-Hazy en Dulles, onde terán a oportunidade de participar na cerimonia de entrega de premios e cear co resto de participantes e organizadores.
Ese mesmo día, o 22 de marzo, saberemos se finalmente as representantes galegas se fan co premio global da súa categoría, que lles permitirá levar o seu experimento á Estación Espacial Internacional, situada a 400 Km da Terra.
Poderémolo entón ver en directo por YouTube, no contexto dun evento de celebración global da ciencia e o espazo.
O proxecto destas alumnas galegas, que segundo confesan nas páxinas de ElCorreoGallego.es, foron animadas a presentarse polo profesor de Tecnoloxía, Javier Méndez, consiste nun experimento sobre microgravidade, para o que usaron placas de metacrilato, auga, aceite e deterxente quitagraxas.
Máis de 150.000 usuarios de YouTube de todo o mundo contribuíron a escoller os seis gañadores rexionais ao votar en liña polo seu experimento favorito.