Denuncian a circulación de 10.000 fotos roubadas nas praias españolas
venres, 15 de xuño do 2007
Aínda ben non entrou o verán e o Observatorio Catalán de Internet xa vén de denunciar a circulación pola Rede de preto de 10.000 fotos roubadas nas praias españolas a través dunhas 500 páxinas web que expoñen este tipo de instantáneas para a súa posterior comercialización a través do móbil.
Ditas fotografías foron tomadas sen autorización nas costas de Barcelona, a Costa Brava, a Costa do Sol, Marbella, Alacante e Galicia e incluso se detectou, segundo informou o presidente do devandito Observatorio, Francesa Canals, a “existencia de páxinas e foros que difundían vídeos de curta duración captados por medio do teléfono móbil”.
En relación a este tipo de consumo, Canals distingue varios tipos de perfís que se corresponden co seu xeito particular de captar as imaxes, como son: o “voyeur electrónico” que fai fotos por autocompracencia, o “voyeur profesional” que traballa para unha empresa relacionada co sexo en Internet e o “voyeur consumidor”, o que accede á adquisición das instantáneas.
Ata o de agora, aínda que non existe un marco legal 100 por cento definido ó non haber unha lei exclusiva, si que hai normativas que regulan o dereito á intimidade e á honra polo que todos eles poderían ser duramente sancionados.
