Coremain conta dende xa con novo director financeiro: Alberto Álvarez Cid
mércores, 19 de febreiro do 2014
A firma Coremain,
consultora TI emprazada no Polígono de Costa Vella de Santiago, ten
novidades importantes no seu cadro de mando e na súa estratexia xeral, novidades que sumar a
outras innovacións recentes como
a renovación da súa páxina web, ou o
nomeamento de Tito Barreiro como director de Desenvolvemento de
Negocio Global. A todo isto cómpre engadir agora a incorporación de Alberto
Álvarez Cid como director financeiro da compañía, un nomeamento
que coincide no tempo cun proceso de seu que Coremain cualifica de
“regreso ao camiño da rendibilidade”.
Precisamente, Álvarez
Cid substitúe no seu posto a Javier Atán, que se incorpora, tal
e como sinalamos hoxe en Código Cero, a outra firma santiaguesa
do sector: Ednon.
Alberto Álvarez Cid,
informa Coremain, “aglutina no seu perfil experiencia no mundo da
consultoría, en reestruturación corporativa e refinanciamento”.
Ademais, conta cunha ampla traxectoria internacional, “elementos
todos eles de sumo interese no plan de desenvolvemento de Coremain”,
que, por certo, vén de constituír unha empresa en México,
co-participada por Valora Consultores e Academia Postal. A estes
cambios únese tamén unha reestruturación interna que a empresa
xestiona baixo “un elemento común”. Este elemento común é o
propio proxecto de empresa, que quere centrarse máis ca nunca no
cliente e suprimir niveis organizativos para “acadar unha compañía
máis flexible que responda con rapidez aos cambios do mercado”.
