Comeza a novena edición de Mundos Dixitais

mércores, 7 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Mundos Dixitais, encontro tecnolóxico-audiovisual do que falamos estes días para dar conta da presentación dunha curta galega sobre o Camiño, abre as súas portas hoxe na sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña. A primeira xornada de actividades desta novena edición do festival arrinca as 9.30 horas co obxectivo de informar polo miúdo dos achados máis innovadores, a nivel internacional, dos eidos da animación, os efectos especiais, os videoxogos e a arquitectura dixital. No programa de hoxe está prevista a participación de David Taylor, Dan Grover, Kim Bauman e Franz Fischnaller.
A partir das 18.30 horas, por certo, está previsto que a concelleira de Urbanismo da Coruña, Obdulia Taboadela, e mailo xerente da Fundación Caixa Galicia, dirixan a entrega de premios 3DAwards, uns galardóns que, como o seu propio nome indica, van dirixidos a recoñecer o máis salientable do ano no deseño de novas virtualidades en tres dimesións a través do uso da ferramentas dixitais.
Mundos Dixitais ficará coas portas abertas ata o 10 de xullo, e entre outras cousas servirá para dar acubillo aos responsables dos apartados técnicos dalgúns dos produtos máis salientables da construción actual de novas arquitecturas e contornos para a sétima arte, é o caso de Avatar ou Iron Man 2.
Polo que respecta á participación galega, amais da curta sobre o Camiño coa que abrimos este texto, cómpre subliñar que está programado dar acubillo aos membros do equipo de O Apóstolo, a primeira longa en tecnoloxía stop-motion que se fai dende a nosa terra e que ten prevista a estrea oficial o vindeiro 17 de xullo en Santiago de Compostela. Tamén pasarán por Mundos Dixitais os responsables do selo Dygra.