Chega unha nova edición de Galiciencia centrada na ciberseguridade

martes, 12 de maio do 2026 S. P.

Fomentar o talento innovador e emprendedor entre a mocidade é o fin que persegue Galiciencia, a maior feira científica da nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole (sociedade participada pola Xunta de Galicia). Este encontro, que terá lugar do 13 ao 15 de maio no propio recinto da Tecnópole (San Cibrao das Viñas- Ourense) foi concibido para o alumnado de Primaria, Educación Especial, Secundaria, FP e Bacharelato.
Desta volta, na que tamén se pode participar en liña, a temática xirará arredor da Ciberseguridade, en liña co futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se está a construír en Tecnópole. Estamos perante un tema moi sensible que afecta non só ás empresas, senón ao conxunto da cidadanía, máis exposta a ataques a través dos nosos dispositivos.
Está previsto que visiten Galiciencia máis de 1.600 persoas e serán uns 180 rapaces e rapazas de 63 centros de toda Galicia, xunto a un equipo procedente de Barcelona, os encargados de amosar os seus proxectos sobre Ciberseguridade e outros temas.
Nesta edición seleccionáronse un total de 104 proxectos. De maneira presencial concorren 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato (que serán os que compitan polo premio final) e 30 proxectos de Primaria. De xeito online participan 24 propostas. As diferentes actividades, tanto presenciais como en liña, reunirán este ano a máis de 3.500 participantes.
Emporiso, durante estes tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos en Galiciencia exporanos nos stands da feira. Explicarán as súas propostas ao público visitante, ensinándolles os seus prototipos, experimentos e resultados.
En canto aos premios, o primeiro posto está dotado con 1.000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa banda, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.
Asemade, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, a proposta co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto dentro da temática da Ciberseguridade e o mellor traballo liderado por unha nena ou coa temática relacionada coa igualdade de xénero, seguindo a liña de Tecnópole de promocionar o STEM feminino. Tamén se galardoará o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os participantes en liña.
Alén do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía ás e aos participantes máis novos de xeito práctico e divertido. Realizaranse obradoiros científicos, espectáculos de ciencia, concursos diversos e ata un programa de radio.
O xoves celebrarase a final do Desafío científico: Atrévete coa ciberseguridade! Durante os últimos meses alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia participou nunha primeira fase en liña que constaba de tres retos. Os finalistas enfrontaranse agora nesta derradeira fase, que será presencial.