BlackBerry recibe unha oferta de compra por valor de 4.700 millóns de dólares

luns, 23 de setembro do 2013 Marcus Fernández

A empresa canadense BlackBerry anunciou hoxe que asinou un principio de acordo cun consorcio liderado por Fairfax Financial Holdings Limited (Fairfax) para a súa venda por un valor de 9 dólares por acción, o que supón unha operación cun valor total de 4.700 millóns de dólares. Fairfax xa tiña aproximadamente o 10% da compañía e con esta operación faríase coa totalidade das participacións, realizando tal pagamento en efectivo.
Ábrese agora un proceso no que ultimarán os detalles da operación de adquisición, para chegar a un acordo final que espera concretarse o 4 de novembro, podendo recibir BlackBerry outras propostas de compra alternativas durante este período (aínda que de concretarse unha operación alternativa habería que compensar economicamente a Fairfax, agás que o grupo investidor reducise o importe da súa proposta inicial).