As titulacións galegas buscan alumnos potenciais nas redes sociais
xoves, 16 de xuño do 2011
Este venres, a partir das 20:00 horas, os alumnos e alumnas galegos que fixeron as PAU a comezos de mes, saberán por fin se a súa nota lle dá para entrar na titulación que desexan ou se, pola contra, deberán conformarse con estudar unha carreira coa que entrar con bo pé no mercado laboral (algo que a ben seguro todos desexan a toda costa).
Mentres tanto, o coordinador do Grao en Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, Celso Cancela, púxose mans á obra para dar a coñecer esta titulación na Rede, concretamente nas redes sociais máis populares, para que os alumnos potenciais a teñan de referencia á hora de indicar as súas opcións prioritarias.
Cancela afirma ir á procura do público obxectivo “nos lugares onde sabemos que van estar”, de xeito que a carreira de DXP xa ten perfil de seu en Tuenti, Facebook e Twitter, segundo di, “para facernos presentes e visibles ante os estudantes á hora de escoller carreira universitaria”.
O motivo de seguir esta estratexia débese a que, a diferenza doutras titulacións como Dereito, Telecomunicacións ou calquera Enxeñaría, “Dirección e Xestión Pública non goza dese posicionamento, algo que se veu agravado polo cambio de denominación trala adaptación ao EEES e polo aumento considerable do abano de titulacións”, afirma Cancela.
A intención é, xa que logo, darlle a coñecer a titulación ao alumnado de institutos de secundaria e de formación profesional de toda Galicia, ao tempo que servir de plataforma de comunicación na que poder falar e intercambiar ideas relacionadas coa mesma.
Asemade, segundo informan no DUVI, os distintos perfís abertos nas redes sociais, “posibilitan que o profesorado comunique de forma inmediata a convocatoria de premios, bolsas, cursos, oposicións, seminarios ou calquera novidade que por outras vías lles chega tardiamente”.
