Arteixo Telecom entre pola porta grande no sector da defensa estatal

martes, 1 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Todos os que máis ou menos están ao día no tocante ao sector tecnolóxico do noso país saben que Arteixo Telecom é unha compañía de referencia que conta cunha longa traxectoria dedicada ao deseño, desenvolvemento, fabricación e reparación de equipos e solucións TIC para un amplo abano de sectores.
O que a ben seguro non se sabe de maneira tan xeneralizada é que incluso o sector da defensa do Estado, é dicir o Ministerio de Defensa, vén de recoñecer a aptitude da actividade profesional de Arteixo Telecom, ao superar con éxito a avaliación do seu Sistema de Xestión da Calidade segundo a norma militar PECAL/AQAP 2110.
Con esta ferramenta para o deseño, produción, instalación e servizo post-venda de equipos de telecomunicacións para o sector da defensa, Arteixo Telecom entra a formar parte do reducido número de empresas que dispoñen dunha acreditación de máximo nivel da DGAM (Dirección General de Armamento y Material), que certifica que o seu sistema de Xestión da Calidade axustase aos altos estándares esixidos pola OTAN.
Arteixo Telecom é a primeira empresa galega do sector das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) que obtén a certificación PECAL 2110, unha acreditación que posúen menos dun cento de compañías a nivel nacional.
Grazas á obtención desta certificación, a compañía galega ábrese camiño no sector español da defensa, un dos sectores identificados polos seus máximos responsables como “prioritarios no plan de diversificación de negocio da compañía”.
En palabras do presidente de Arteixo Telecom, Rafael Valcarce, “a concesión do certificado PECAL 2110 ao Sistema de Xestión da Calidade na compañía supón, por parte da Autoridade Nacional de Calidade do Ministerio de Defensa, un voto de confianza a unha sistemática establecida dende o inicio das nosas actividades no ano 1996, e mantida co compromiso permanente da mellora dos nosos procesos e produtos”.