Amazon estrea tenda de artesanía

venres, 9 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Mentres en España vemos como Amazon.es abriu sección de alimentación e limpeza do fogar, nos EE.UU. van desenvolvendo máis tendas especializadas para contar cada vez cunha maior oferta de produtos e entrar en novos nichos de mercado, conseguindo así consolidar a súa posición líder no comercio electrónico e aproveitar cada vez máis a súa poderosa plataforma loxística, o que os leva a abrir Handmade at Amazon, unha tenda de produtos artesanais que polo momento só está dispoñible do marketplace en liña estadounidense e que podería converterse nunha grande ameaza para Etsy, a plataforma de produtos artesanais máis popular a nivel internacional na actualidade.
Esta nova tenda de Amazon reparte os produtos artesanais en categorías como xoiaría, decoración do fogar, arte, mobles, cociña, dormitorio e papelaría, así como tamén destaca cada semana un grupo distinto de artesáns dos que destaca o seu xeito de traballar e as súas creacións, conseguindo conectar un pouco mellor cos consumidores.

En Handmade at Amazon non faltan produtos galegos como as creacións de Mie Moe

Aínda que vender a través de Amazon pode parecer máis impersoal que a través doutras plataformas máis íntimas, supón unha grande vantaxe para o consumidor, aínda que para o vendedor suporá o pagamento dunha comisión do 12% por cada venda ao que habería que sumar 39,99 dólares/mes no caso de vender máis de 40 produtos/mes, cantidade que en moitas ocasións compensará sobradamente a grande audiencia á que pode chegarse a través de Amazon, aínda que tamén resultará complicado destacar entre o seu inmenso catálogo de produtos.
Cómpre destacar que, aínda que a nova tenda de artesanía está en Amazon.com, conta con produtos de máis de 60 países, podendo incluso atoparse creacións galegas (como os produtos de Mie Moe), aínda que das 80.000 referencias coas que bota a andar Handmade at Amazon, apenas un par de centos estarían en España, situación que dificilmente cambiará ata que abran o correspondente apartado en Amazon.es.

Vídeo de presentación de Handmade at Amazon