Activage culminou tres anos de piloto xerando tecnoloxías eficaces para o envellecemento saudable
luns, 26 de outubro do 2020
Os
responsables de Activage,
o proxecto de envecellecemento saudable e empoderamento da terceira
idade a través das novas tecnoloxías co-impulsado por Televés, o
SERGAS e Cruz Vermella, presentaron este outono os froitos acadados
pola iniciativa, uns resultados que “non fan máis que demostrar
que a tecnoloxía non só pode promover un envellecemento activo,
senón que pode facelo de forma rendible e eficaz, ao optimizar e
desconxestionar de forma intelixente o uso dos servizos sociais”. O
balance, que culmina tres anos de experiencia piloto, confirma o que
unha parte do noso tecido investigador e empresarial agoiraba: que
estamos ante o maior proxecto europeo sobre IoT (Internet das Cousas
polas súas siglas en inglés) para incrementar a calidade de vida
das persoas maiores.

- Presentación virtual dos resultados do proxecto piloto
O
pasado mércores 21 de outubro o proxecto celebrou o evento de
clausura. Ao seu abeiro foron presentados os principais resultados
obtidos tras tres anos de experiencia piloto-multicéntrica, onde
participaron 9 autonomías de 7 países, entre os que se atopa España
con Galicia, Madrid e Valencia. Os principais resultados da xornada
revelaron que a tecnoloxía e o uso intelixente dos obxectos
conectados son “capaces de mellorar a calidade de vida das persoas
maiores a través dunha serie de indicadores”.
Dividido
en catro bloques, o acto foi guiado pola presentadora Ainhoa Arbizu
cos principais representantes do proxecto e a Comisión Europea, e
coas declaracións e testemuños de varios usuarios, familiares e
coidadores dos países membros ao proxecto.
Cun
investimento total de 25 millóns de euros e enmarcado no programa
europeo Horizon 2020, a meta final de Activage é “aumentar os anos
de vida saudable e autónoma da cidadanía europea, cun impacto
positivo na súa calidade de vida, o aforro no sistema de benestar
social e a xeración de innovación local”. A iniciativa quere saír
ao paso, botando man das máis avanzadas innovacións, dun dos
grandes desafíos do mundo desenvolvido e, tamén, dos países da UE:
afrontar o relevante medre que vai experimentar nos vindeiros anos a
poboación de persoas maiores de 65 anos.
Sobre
a base do proxecto púxose de manifesto na súa orixe o seguinte dato
a ter e conta: o actual sistema de coidado dos maiores non é nin
efectivo nin sustentable. De feito, segundo datos de Eurostat,
prevese que a taxa de dependencia por razón de idade aumente do
31,7% ao 51,6% en 2060, “algo que o actual sistema de coidado de
maiores non pode asumir”, recordouse no acto celebrado a semana
pasada, onde tamén se puxo o foco nas tecnoloxías que abrangue
Activage, que aproveita as oportunidades da Internet das Cousas e o
desenvolvemento dixital para “crear novas formas de asistencia e
seguimento da terceira idade, adaptando a súa contorna actual a unha
de maior seguridade”. Deste xeito, explicouse, “búscase
minimizar os efectos do investimento da pirámide demográfica á vez
que suavizar a carga de gasto social que carrexarán as necesidades
en materia de servizos dunha poboación envellecida”.
Os
resultados
Activage
permitiu incrementar a seguridade das persoas maiores en Europa
favorecendo o mantemento da súa independencia e participación
social, así como reducindo o impacto negativo e o deterioro que
implican as doenzas crónicas. O proxecto contou coa participación
de máis de 8.000 usuarios (persoas maiores, familiares, coidadores e
profesionais sanitarios) e demostrou, en palabras das entidades
implicadas, unha mellora no día a día dos seus usuarios mediante a
análise da súa calidade de vida (a través dunha serie de
indicadores que medían a súa resposta basal e final), dun
importante nivel de aceptación da tecnoloxía e dunha moi positiva
relación custo-efectividade.
Segundo
declaracións de Manuel Alcina, un dos usuarios de Activage en
Valencia: “O feito de que a miña familia saiba como estou e onde
estou outórgame tranquilidade e liberdade para poder aproveitar
mellor o meu tempo. Sen dúbida, unha das maiores vantaxes do
proxecto é que nunca estou só”.
Novas
oportunidades e retos na era post-COVID-19
As
entidades impulsoras de Activage lembraron que os resultados e
conclusións fixéronse aínda máis evidentes durante a crise
sanitaria da COVID-19, unha etapa “na que o confinamento en varios
países europeos obrigou a millóns de familias a distanciarse de
familiares que podían necesitar dun seguimento/visitas regulares”.
Durante a pandemia, as tecnoloxías de Activage aseguraron aos seus
usuarios asistencia sociosanitaria remota, a adaptación de
actividades de aire libre a exercicios no interior, eventos sociais
virtuais e contacto constante cos familiares/coidadores. Así, o
servizo de monitoraxe da actividade diaria de Activage, por exemplo,
permitiu aos coidadores e familiares facer seguimento das
actividades, reaccións e estado de saúde destes usuarios en todo
momento.
Por
outra banda, durante a presentación de resultados do proxecto,
anunciouse a creación de Activage.org, unha asociación que
continuará co labor xerado promovendo e impulsando a ampliación de
servizos e tecnoloxías para o envellecemento activo e saudable en
Europa e en todo o mundo. A súa misión é “crear o primeiro
mercado dixital europeo de solucións e servizos para a vida
independente e o benestar das persoas maiores, aproveitando a
constante evolución do ecosistema, servizos e estándares de
Activage”.
España
como motor de Activage
A
nivel global, o consorcio de Activage inclúe a 49 socios de nove
países distintos. Industria, organizacións dedicadas á
investigación, entidades públicas, universidades e compañías de
novas tecnoloxías forman parte deste conglomerado.
En
España, varias empresas e organizacións de diferentes partes da
península sumáronse ao proxecto. En Galicia: Cruz Vermella
Española, o Servizo Galego de Saúde e Televés.
