Ábrense novas negociacións entre Microsoft e Yahoo!

xoves, 16 de abril do 2009 Raquel Noya

Despois dos problemas que tiveron para chegar a un acordo o pasado verán, cando Microsoft chegou a ofrecerlle a Yahoo! máis de 40.000 millóns de dólares polo control da súa compañía, os máximos responsables destes xigantes de Internet veñen de reunirse de novo para debatir unha posible colaboración nos servizos de procuras e publicidade na Rede.
Así o vén de anunciar a axencia de novas Reuters, onde tamén se explica que os executivos de ambas as dúas compañías trataron temas moi diversos, incluída a posibilidade de que Microsoft explore o negocio da publicidade nas procuras de Yahoo! e que esta última combine e dirixa os negocios de publicidade gráfica das dúas firmas.
A conselleira delegada de Yahoo!, Carol Bartz, e o seu homólogo en Microsoft, Steve Ballmer, mantiveron unha primeira reunión na que, ao parecer, falaron sobre o posible acordo, algo que, de terse materializado, podería ameazar a crecente influencia de Google no mercado de procuras en liña.
Dende que o entón cofundador e xefe de Yahoo!, Jerry Yang, rexeitou a oferta de Microsoft por considerala baixa, as accións do popular buscador foron a pique. Agora, dado que ningunha das dúas compañías quixo facer declaracións ao respecto, haberá que agardar algo a que se coñezan as consecuencias desta nova negociación.