Aberto o prazo de preinscricións para a vindeira edición de TEDxGalicia

luns, 18 de xuño do 2012 Raquel Noya

Na súa teima por “acender as nosas mentes” e compartir fontes de coñecemento de maneira lúdica e dinámica, o TEDxGalicia vén de abrir, hoxe mesmo, o prazo para pre-inscribirse nunha nova edición deste evento, que se celebrará o vindeiro 30 de novembro no Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole (Ourense).
Baixo a premisa e se?, a organización do TEDxGalicia trata de facernos ver que as conferencias non teñen por qué ser aburridas, e, ao longo de catro sesións, fará un “show das ideas” da man de colaboradores de eidos tan diversos como a neurociencia, o xornalismo ou a electrónica de consumo, entre outros.
O formato é o mesmo que se viña empregando nas edicións doutros anos: a partir de charlas de 18 minutos, as persoas convidadas trasladan a súa visión do cotiá, e tratan de confrontar a opinión do público asistente, para que tamén acheguen o seu punto de vista e saquen as súas propias conclusións.

Manuel Gago durante a segunda edición de TEDxGalicia

En total hai 150 prazas dispoñibles, que a organización prevé cubrir “en poucos días” como sucedeu nas citas pasadas.
TED, que significa Tecnoloxía, Entretenemento e Deseño, é un evento anual no que algunhas das persoas emprendedoras e coas ideas máis innovadoras do mundo están convidadas a compartir o que máis lles apaixona. O obxectivo para o público asistente, en palabras da organización é “ter acceso a ideas que pagan a pena a través da experiencia doutras persoas que obtiveron éxito nalgunha faceta da súa vida”.
O evento, de alcance mundial, celébrase no noso país dende o 2010, e este ano, por primeira vez, incluirá a celebración (tamén na Tecnópole) do TEDxKids, unha variante dirixida a nenos e nenas na que os relatores e relatoras teñen máis ou menos a mesma idade.
Na edición de 2011, celebrada en Santiago de Compostela, participaron persoas como o neurocientífico Xurxo Mariño, a emprendedora Marta Álvarez (promotora da Granxa Maruxa), o xornalista Manolo Gago e o socio de Blu:sens Miguel Silva, entre outros persoeiros.