AIMEN celebra o seu 40 aniversario cunha homenaxe a distinguidos colaboradores

mércores, 17 de outubro do 2007 Raquel Noya

O Centro Tecnolóxico AIMEN, logo de 40 anos de traxectoria, vaille rendir homenaxe a algunhas das persoas, organizacións e empresas que máis destacaron pola súa dedicación profesional e vinculación á entidade nun acto conmemorativo que terá lugar o vindeiro 18 de outubro en Vigo.
Os galardoados recibirán de mans de SS.AA.RR. os Príncipes de Asturias unha peza de arte que consiste nunha escultura de bronce creada polo artista galego Sergio Valiño, que representa a aportación da man do home na transformación de materiais e tecnoloxías de unión e que simboliza a contribución de AIMEN ao coñecemento industrial.
Recibirán esta distinción a presidenta da Fundación Barrié de la Maza, como presidenta de honra de AIMEN; Funditesa Sanjurjo S.A., pola súa labor como empresa promotora de AIMEN; Construcciones Navales Paulino Freire, como un dos socios fundadores de AIMEN; Xaime Isla Couto, expresidente de AIMEN e Armando Priegue, como promotor e director de AIMEN ó longo de máis de 25 anos.
Asemade, a plantilla de traballadores do Centro Tecnolóxico recibirá esta distinción, na persoa do seu director xerente, Jesús Lago.