A páxina web da edición galega do festival Sónar aposta pola nosa lingua

mércores, 2 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Para quen ande aínda ancorado nas manifestacións artísticas de Luar e lle importe ben pouco ou nada a música que bota man dos computadores e dos novos contornos dixitais, dicirlle que para o vindeiro mes de xuño, tan afastado el nestes tempos de temporal a semana completa, o máis axeitado dende o punto de vista do lecer probablemente sexa non pór pés na Coruña. Máis en detalle na edición galega do Sónar Festival, certame de música nova e arte multimedia con datas confirmadas para os días 17, 18 e 19 do dito mes e que virá por partida dupla cunha convocatoria complementaria en Barcelona.
Pois ben, dase a circunstancia de que xa podemos consultar todo o relativo á edición galega do festival nunha páxina web posta en marcha recentemente e que amosa un salientable respecto polo noso ao vir toda a súa comunicación integramente en galego. Isto abrangue aos boletíns dixitais, segundo se informa dende galizaelectronica.com e se reflicte en Chuza.org.
Amais de todo isto, as informacións tamén poderán ser consultadas en catalán e inglés, incluída, como non podía ser doutro xeito, a versión do Sónar Barcelona, achegada en catalá. A maiores, o Sónar 2010 falará a nosa lingua a través da longametraxe coa que se pretende promover o festival, un filme que xira arredor dunha viaxe a Fisterra a través do Camiño de Santiago e que tamén estará accesible en galego. Segundo engade Galizaelectrónica, malia non ser habitual (por desgraza) que un certame que vén de fóra aposte por falarnos en galego, o certo é que a do Sónar non é a primeira vez que se fai. Previamente, o Creamfields tamén apostou por incluír a nosa lingua na comunicación web.