A páxina web Ke Chollo ve a luz recollendo ofertas do pequeno comercio coruñés

venres, 30 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Tras varios días mobilizando ao seu público potencial a través de Facebook (adiantando contidos), hoxe principiou a súa actividade a páxina web Ke Chollo, definida coma un buscador das mellores ofertas do pequeno comercio de A Coruña, que busca ser de grande utilidade tanto para o comercio como para os consumidores.
Ke Chollo chega como un grande escaparate virtual dos comercios coruñeses, apostando por produtos de calidade e boa atención ao cliente, así como á xeración de actividade económica na localidade e estando aberto á adhesión de establecementos locais dos que xa son unha boa mostra os que actualmente publican as súas ofertas en Kechollo.com: Marcoarte, Tres Tristes Tigres, Alaya, Calzados Trigal, Keltia Decoración, Cervezoteca Malte, El Rincón de Vaibén, Peluquería Aino, Mustang e Delirio.
As ofertas deste novo espazo na Rede están divididas nas categorías de Moda Home, Moda Muller, Fogar, Lecer e Cultura, Estética e Beleza e Nenos e Bebés, e para beneficiarse das mesmas o usuario deberá imprimir un vale incluíndo en cada un dos produtos promocionados en Ke Chollo.
Para celebrar a inauguración deste proxecto, o domingo 22 de abril ás 14:00 horas a cervexaría Malte vai acoller un festexo no que os responsables de Ke Chollo convidarán a clientes e amigos a uns petiscos, segundo anuncian a través de Facebook.