A galega eLABORO crea un programa que integra tódolos procedementos da Policía nun so

mércores, 31 de outubro do 2007 Raquel Noya

A empresa galega eLABORO, especializada en novas tecnoloxías e servizos orientados ó eido da cidadanía dixital e da Sociedade da Información, vén de anunciar a creación do primeiro sistema de xestión de tódolos procedementos administrativos relativos á Policía (local, autonómica ou nacional) nun só. Esta ferramenta, que se coñece como ePatrol, permite levar a cabo todo o proceso das unidades administrativas da Policía relacionadas coa tesourería, secretaría, obras e servizos, empresas de recadación... en total coordinación con todas elas.
O servizo ePatrol integra as últimas novidades nas tecnoloxías sen fíos como son GPRS, GPS e Wi-Fi, está baseado no software libre e permite empregar PDAs como sistema de toma de datos e consulta.
Asemade, o devandito sistema permite incorporar de xeito progresivo os procedementos administrativos (sancións, violencia doméstica, mantemento de parque móbil, mobiliario urbano, incidencia nas vías, xestión de chamadas...) e tamén inclúe a posibilidade de consultar os padróns de vehículos e habitantes, xeolocalizar os axentes e os vehículos ou visionar os rueiros e as normativas administrativas.
O mesmo dispositivo tamén xestiona e controla tódolos expedientes e realiza tarefas de programación e axenda, ademais de xerar información estatística e, en palabras dos creadores, “facer realidade a administración sen papeis que racionaliza os métodos de traballo”.