A galega Factoría Eurodigital impulsa na Rede, en 360º, o turismo das Canarias
martes, 25 de setembro do 2012
A empresa galega Factoría Eurodigital, responsable de
iniciativas de turismo en liña como Descubregalicia.com
ou a visita
virtual a Cabeza de Manzaneda, vén de presentar novas achegas de
coñecemento en liña da nosa contorna (con vistas a complementar e enriquecer,
precisamente, o coñecemento tradicional destas contornas). Trátase dunha web para abordar as Illas Canarias
dende un plano virtual e dunha páxina
sobre o pulo turístico de Maspalomas, postas en marcha con motivo do Día
Mundial do Turismo e da celebración dos 50 anos de vida da iniciativa
Maspalomas Costa Canaria, xurdida para converter esta localidade nun dos
centros vacacionais máis importantes de Europa.
As devanditas webs
da Factoría responden ao acordo asinado co concello de San Bartolomé de
Tirajana, onde se empraza precisamente o devandito enclave turístico que
arestora se atopa de conmemoración. Con este motivo, púxose en marcha “un enorme esforzo de promoción” contándose
coa axuda e experiencia da empresa galega, que concibiu e desenvolveu un
completo percorrido virtual en 360º, interactivo, polos principais puntos de
interese turístico de Maspalomas.
A iniciativa
dupla subministra unha serie de vantaxes a ter en conta. En palabras da
Factoría, estamos ante un recurso que, sobre todo, “achega fidelidade con respecto á información visual que contén”. E
segue o director da empresa de Pontevedra, José Manuel García: “Esta sensación de realidade ao vernos
rodeados polas imaxes, resulta moi gratificante porque contribúe a manter
vixente o factor emocional que sempre envolve unha viaxe vacacional ou de
pracer”. Ao seu xuízo, estamos ante un proxecto especialmente ambicioso que
ten “finalidade principal converter unha
das principais localidades do mundo dende o punto de vista do lecer no primeiro
destino turístico virtual en 360 graos, interactivo, de toda Europa”.
