A futura Lei de Educación Dixital de Galicia incorpora case unha trintena de achegas do Consello Escolar
xoves, 11 de xuño do 2026
A futura Lei de Educación Dixital de Galicia incorporará preto dunha trintena de achegas por parte do Consello Escolar de Galicia, o órgano colexiado de debate e reflexión no eido do ensino onde están representados o conxunto dos actores que conforman a comunidade escolar como son as familias, o alumnado, o profesorado, os centros, as organizacións sindicais e as distintas administracións, entre outros.
O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, presidiu onte a reunión do Consello Escolar de Galicia, no que se abordaron novas accións para o vindeiro curso, entre as que salientou a normativa en educación dixital, así como as novas medidas de avance en materia de atención á diversidade e ratios que reforzarán, segundo dixo, “as melloras que empezaron a implantarse hai dous cursos en cumprimento do acordo de melloras de 2023”.
No que atinxe á futura Lei de Educación Dixital de Galicia, que entra xa nos últimos pasos para aprobación definitiva no Consello da Xunta e remisión ao Parlamento, Román Rodríguez aproveitou para agradecer as achegas realizadas “no período de exposición pública do texto lexislativo que o converten no máis participativo da historia de Galicia”, e que, segundo confirmou, “van na liña do xa acontecido no período de consulta pública previa”.
Recoñeceu estar de acordo con moitas das 199 propostas recibidas nesta última fase expositiva que, por técnica normativa, non se poden incorporar porque non son obxecto da lei, “pero son moi valiosas e teranse en conta para posteriores desenvolvementos normativos”, sinalou, engadindo que “115 delas son achegas de adición, isto é, que propoñen engadir e enriquecer o texto base sobre cuestións como o uso dos teléfonos móbiles, a regulación da formación ou garantías de recursos entre outros que, na práctica, deberán canalizarse a través dos distintos plans de despregamento normativo”.
