A Universidade Popular de Ourense achegará unha manchea de cursos TIC

mércores, 24 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Ourense ofrecerá, a través da Universidade Popular, unha oferta de 140 cursos formativos en diferentes áreas, incluíndo as múltiples vertentes actuais das novas tecnoloxías da información: redes sociais, robótica, ofimática ou fotografía dixital, entre outros eidos.
Segundo informa o Goberno local, a comisión técnica vén de seleccionar os proxectos do ámbito da educación non formal de cara á súa inclusión no programa 2020, no que participan 80 entidades. Tivéronse en conta parámetros como a calidade dos proxectos, a innovación e maila súa aplicación práctica.
Na longa listaxe de obradoiros formativos, que podemos consultar nun documento en PDF específico, inclúense cursos de iniciación á robótica (Safe Educación e Formación), de introdución á mercadotecnia dixital e a plataforma Prestashop (Captioma Galicia), de creación de contidos para YouTube e de series de TV (Gonzalo García Palmeiro), de fotografía dixital nocturna e smartphotos con teléfonos móbiles (Víctor Barro Casal), de Sistemas de Información Xeográfica (Alba Dasairas Bouzada), de redes sociais e creación de blogs e de de informática administrativa (Delta PC), de marketing e vendas (Delfina Franqueira), de xestión de perfís profesionais e empresariais en redes sociais (Alba Aldá Lameiras), de Wordpress (Carmen Mª Rúa), e de ofimática e factura electrónica (Pacios Ramón Informática e Formación).