A I Xornada de Negocio e Networking do Cluster TIC celébrase mañá en Compostela

mércores, 15 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Dende hai uns anos cara aquí, o vello concepto de asistir a unha conferencia para escoitar, só escoitar, o que algún especialista nos conta, está xa practicamente en desuso. Agora o que se leva é facer networking, é dicir, “crear redes”, intercambiar ideas, contactar co máis selecto do sector e intentar facer negocios que aproveiten as sinerxías xeradas.
É por isto que unha macroasociación galega das novas tecnoloxías como é o Cluster TIC, non podía tardar moito en celebrar a súa primeira xornada de negocio e networking, na que reunir a un importante número de responsables empresariais e profesionais do eido das TIC, que permitise poñer en marcha novos proxectos ou, a lo menos, ampliar a axenda de contactos dos asistentes.
Xa que logo, baixo o lema Facendo nacer as oportunidades, celébrase mañá en Compostela a primeira edición da Xornada de Negocio e Networking Cluster TIC Galicia, que dará comezo a partir das 9:30 horas no hotel Los Abetos.
Esta xornada do Cluster, ademais das vantaxes de calquera outra iniciativa enfocada na liña do networking, ten o engadido de estar totalmente focalizada no sector TIC galego, o que, en palabras da organización, “favorece a eficacia cara ao negocio dos contactos que se establezan”.
A mecánica escollida para o desenvolvemento desta actividade consiste en que tódalas persoas asistentes manterán encontros cara a cara entre si mediante un sistema de rotación, o que garantirá que todos manteñan unha entrevista persoal con todos, a fin de identificar posibles clientes, socios, colaboradores ou provedores á medida das súas necesidades, que doutra maneira poderían pasar desapercibidos.
A xornada, que rematará cun xuntar colectivo, organizouse, segundo o Cluster, para responder á petición dos socios e empresas do sector de “ampliar a súa base de contactos para facer crecer os seus negocios”.
Esta I xornada de negocio estará aberta tanto a socios como a non socios do Cluster TIC Galicia.