A Comisión Europea recibe aos responsables do proxecto de dixitalización de libros de Google
luns, 7 de setembro do 2009
O xigante
americano Google, que no pasado mes de outubro chegaba a un acordo coa
Asociación de Autores e Editores de Estados Unidos para dixitalizar as súas
publicacións e repartir os beneficios, vén agora de mostrar un especial
interese por facer o propio cos libros europeos, para colgalos a través de
Internet e permitir o seu libre acceso a tódolos internautas.
Para
isto, a compañía californiana terá que convencer á Unión Europea de que o seu “proxecto de dixitalización de libros” é
lícito e serio, así como unha maneira de achegarlle a cultura aos internautas
de xeito doado e barato, e non unha mera acción de lucro coa que obter
beneficios millonarios aos que nos ten acostumados.
Entre
hoxe e mañá, os responsables do proxecto, deberán comparecer ante a Comisión
Europea para explicarlle aos seus membros en que consiste o acordo que acadaron
o pasado ano coa devandita asociación de editores e co sindicato de autores de
Estados Unidos, onde despois de meses de lixitios, Google
e os posuidores dos dereitos de autor acordaron repartir os beneficios “de colgar obras descatalogadas que volven a ser
accesibles grazas a Internet”.
Segundo
Google, “estas obras representan o 70%
dos libros publicados, fronte ao 20% dos volumes que xa son de dominio público
e o 5% que representan os exemplares presentes nas librarías”.
Este
acordo, que aínda está pendente da decisión da xustiza estadounidense, prevé
que o buscador peciba o 37 por cento dos beneficios ligados á súa explotación,
mentres que os autores e editores quedan co 63 por cento restante, facendo
desta acción, unha iniciativa que favorece tanto a lectores como a escritores
e, por suposto, á propia compañía.
Nembargantes,
outras compañías do sector como Amazon, Microsoft e Yahoo, critican a
iniciativa por temor a que Google “abuse
da súa posición dominante no mercado”.
Aquí en
Europa, editores italianos e franceses, non ven viable que se asine un acordo
semellante ao americano neste lado do charco, argumentando que “a normativa impide por agora a dixitalización
de obras con dereitos vixentes”.
Sexa como
for, o caso é que Google preséntase hoxe en Bruxelas para expoñer o proxecto,
que, de tirar para diante, porá a disposición de tódolos internautas os libros
que desexen sen ter que desprazarse ata as mellores bibliotecas e librerías do
mundo.
